13 octubre 2009

"Sen galego seremos só unha comparsa no Estado, un país sen peso político nen identidade”, afirma Guillerme Vázquez

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, desenvolve hoxe unha xornada de traballo en Ourense, que inclúe a súa participación na asemblea comarcal da formación nacionalista.

O líder nacionalista aproveitou a mañá para realizar unha visita ás Termas de Outariz e alí mantivo un breve encontro cos medios de comunicación en que abordou distintos asuntos da actualidade política.

O portavoz nacional colocou no primeiro plano da axenda do BNG a convocatoria de Queremos Galego para o próximo 18 de Outubro en Santiago de Compostela.

“O domingo temos que estar todos e todas en Santiago. É necesario que a sociedade galega dea un paso adiante en defensa do noso idioma”, dixo. Un paso adiante “fronte ao ataque desapiadado que está a lanzar contra o galego a Xunta de Galiza e o Partido Popular”.

“Sen galego non temos futuro. Sen galego seremos só unha comparsa no Estado, un país sen peso político nen identidade”, afirmou. “O PP ataca o galego porque ve na lingua a vontade de Galiza de existir con dignidade e de xogar outro papel no concerto estatal, europeu e mundial”, engadiu.

ORZAMENTOS DO ESTADO

Tamén se detivo a analisar someramente a tramitación dos orzamentos do Estado. “É ben sabido que desde o BNG non partillamos as liñas mestras deste proxecto de orzamentos, mais tamén é coñecida a vontade negociadora que sempre ten o nacionalismo galego”, dixo. “Continúa a haber contactos co PSOE”, lembrou e avanzou que “de non se variaren sensibelmente as posicións actuais, o BNG está máis perto do non que do si”.

A perguntas dun medio, o portavoz nacional amosou a súa preocupación polas últimas revelacións xornalísticas a respecto da forma en que o PP galego financiou a adquisición da súa sede.

Xa en declaracións á web do BNG, www.bng-galiza.org, Guillerme Vázquez afirma que “sería moi grave que se demostrase que o PP pagou a súa sede a custa das arcas públicas mediante o procedimento de inflar o orzamento dunha obra concedida a unha empresa amiga. É urxente unha explicación en tempo e forma”, aseverou o portavoz nacional.

Acrecentou que “xa vai sendo hora de que o señor Núñez Feijóo, noutrora campeón da ética e da austeridade, vaia dando explicacións á sociedade galega sobre a forma en que se financia o seu partido”.

Pediulle ao presidente do PPdeG “que deixe de practicar a dubidosa arte do escaqueo político e que asuma as súas responsabilidades”. “En 2004 (ano en que o PP inscribiu no rexisto da propiedade a súa sede) que eu saiba o señor Feijóo si que xa era militante, e con altas responsabilidades, do Partido Popular. A ver que coartada inventa agora”, ironizou.