15 septiembre 2008

BNG saca adiante no Senado unha moción para acabar coa discriminación fiscal no sector do vacún de leite

MADRID (MORRAZO-tribuna) .- A comisión de Economía e Facenda do Congreso aprobou esta tarde unha moción do senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, na que lle demanda ao Goberno que remate coa discriminación fiscal contra o sector vacún de leite, unha situación que repercute moi negativamente en Galiza, onde case 15.000 explotacións e unhas 30.000 persoas que cotizan a Facenda por este sector.
A iniciativa, aprobada únicamente coa oposición do PSOE, insta ao Goberno a que “reduza para o período impositivo 2008 os índices de rendemento neto aplicábeis no método de estimación obxetiva do IRPF para o vacún de leite e a que compense aos cotizantes por esta actividade polo desfavorable trato fiscal que sufriron na Declaración da Renda correspondente ao exercicio 2007”
Pérez Bouza lembrou que “tras a demanda unánime do sector agrario e gandeiro”, o Ministerio de Economía e Facenda publicou no BOE do pasado 30 de abril a Orden EHA/1199/2008 pola que se reducen para o período impositivo 2007 os índices de rendemento neto aplicábeis no método de estimación obxectiva do IRPF para as actividades agrícolas e gandeiras.
Porén, o senador do BNG denunciou que o Ministerio de Economía e Facenda excluíu “de xeito inxustificábel” desta rebaixa fiscal ao sector do vacún de leite, “a pesar de que tamén sufre un forte incremento dos custos de produción”.
Ademais, subliñou que o sector do vacún de leite “é un dos que está a sufrir unha maior carga fiscal, xa que Facenda aplícalle un dos índices de rendemento neto máis elevados: 0,42”.