23 noviembre 2008

MEDIO AMBIENTE CONSIDERA CONTROLADO O VERTIDO AO RÍO TOXA, EN SILLEDA

SILLEDA/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Consellería de Medio Ambiente considera controlado o vertido de 5.000 litros de aditivos de formigón ao río Toxa, no concello pontevedrés de Silleda. O vertido, que se produciu na noite do venres, non chegou a estenderse aos ríos Ulla e Deza, aínda que nun primeiro momento e como medida preventiva, procedeuse a cortar o subministro de auga á Merza, Padrón, Boqueixón e Pontecesures. Nestes tres últimos concellos xa quedou restablecido o servizo, mentres que a captación de auga á Merza continúa pechada, dado que este é o núcleo máis próximo ao punto de vertido.
A Consellería de Medio Ambiente mantén o dispositivo de vixianza na zona, cun equipo de 20 técnicos de Conservación da Natureza e Augas de Galicia, que determinaron que non se produciu mortandade piscícola no río, e que o vertido está controlado, debido a que dende o primeiro momento se instalaron barreiras de protección e balsas de contención que evitaron o avance do vertido. Este operativo continuará traballando hoxe, tomando mostras da auga e realizando labores de limpeza no cauce.
No que respecta á orixe do vertido, os 5.000 litros de aditivo de formigón proceden de tres depósitos que se empregan para os traballos do AVE que se están a realizar nesta zona, e que estaban situados a uns 400 metros do río, aínda que as causas do derrame están sen determinar.