MADRID (MORRAZO-tribuna).-A Ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa, respostou esta mañá no Pleno á deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, que o Fundo Europeo de Pesca “posibilita financiar axudas aos mariñeiros”, e non só aos armadores, polos paros forzosos de tres meses que decidiu o Ministerio de Medio Rural e Mariño. A deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, dirixiuse á Ministra do ramo na sesión de control ao Goberno do Congreso para reprocharlle a decisión de obrigar á frota do Gran Sol, de arrastre, palangre e volanta a realizar amarres forzosos de tres meses de duración candos as normas comunitarias non obrigan a facelos.
Na súa contestación a Davila, Elena Espinosa asegurou ter consultado “ao sector afectado, ás CC.AA e o Instituto Español de Oceanografía” sobre o establecemento destes paros obrigatorios de tres meses de duración, engadindo que “non estamos impoñendo nada senón consensuando”.
As normas da UE non obrigan aos amarres e o sector está molesto porque o “considera un castigo”
Olaia Fernández Davila amosou o seu desacordo coa resposta da titular de Pesca, e salientou que o Regulamento da UE, que plantexa unha serie de medidas, en todo momento “fala de paros voluntarios ou posíbeis paros”. Asemade, criticou as afirmacións da Ministra respeito á mediación de consenso: “non entendemos que diga que hai tanto consenso co sector cando eles mesmos consideran que esta decisión do Ministerio vén a ser unha resposta de castigo” polas protestas e amarres realizados no mes de xuño con motivo da crise dos combustíbeis.
A deputada do BNG puxo de manifesto a importanza que ten a frota do Gran Sol, “debe ter en conta que no Gran Sol faenan 179 barcos, e 146 son embarcaciones galegas. Nos pesqueiros galegos traballan a redor de 2.000 mariñeiros, e na frota de arrastre de litoral son uns 1.000 traballadores. “Uns traballadores que non poden percibir as axudas do Fundo Europeo de Pesca porque están destinadas aos armadores. Por iso, preguntámoslle que vai pasar con todos estes mariñeiros?”.
Interpelou á Elena Espinosa sobre que solución lle dan a estes traballadores do sector do mar na medida en que vostés non destinan axudas económicas para eles”.
Elena Espinosa afirmou que o Fundo Europeo de Pesca posibilita “financiar axudas aos armadores e aos pescadores pola paralización temporal das súas actividades”, e rematou insistindo en que “foi consensuado co sector e non estamos a falar de ningún castigo, foi un tema solicitado á raiz da crise do petróleo”.