BRUSELAS (MORRAZO-tribuna).- O BNG congratúlase de que o Parlamento Europeo rexeitara hoxe en sesión plenar coa aprobación de varias emendas, a proposta sobre as 65 horas de traballo, integrada na proposta de Directiva do Consello sobre ordenación do tempo de traballo.
Este sinal claro da maioría parlamentar europea para os estados membros, pretende que os sistemas de harmonización laboral vaian á alta, e non á baixa como se pretendía “e que non se volva atrás o acadado en moitos anos dos dereitos colectivos e individuais dos e das traballadoras en Europa”, sinalou Ana Miranda
A representante do BNG ante o Parlamento Europeo transmite ademais que o grupo Verdes-ALE do Parlamento posibilitou co voto das emendas ao informe Cercas a paralización “desta proposta neoliberal do Consello, que pasa agora ao procedemento de conciliación”. “Isto supón un sinal claro de rexeitamento de propostas que van contra a economía produtiva conciliada coa vida laboral da cidadanía da Unión Europea”, afirmou.