PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, destacou hoxe que o novo edificio administrativo da Xunta en Pontevedra representa o carácter da nova Administración galega, a dun servizo público caracterizado pola transparencia, a accesibilidade, a proximidade e a eficacia. Así o manifestou o presidente galego este mediodía en Pontevedra onde inaugurou, xunto ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, o novo edificio administrativo do Goberno galego da cidade.
O máximo mandatario galego asegurou que o novo edificio da Xunta, no que se investiron 45 millóns de euros, supón un exemplo do que debe ser unha “oficina moderna” da Administración xa que favorecerá a prestación dun servizo máis “eficaz, áxil e competente”. Pérez Touriño subliñou o labor do rexistro unificado xa que supón “unha forte aposta pola mellora dos servizos públicos, xa que se pretende pasar dunha atención cidadá centrada en cada consellería a outra integral”.
O máximo mandatario galego sinalou que máis de 900 funcionarios traballarán na nova sede da Xunta e destacou a súa profesionalidade e capacidade. “Estamos facendo un gran esforzo por reducir a temporalidade e aumentar a profesionalización”, asegurou Pérez Touriño. “O cidadán ten que saber que a Administración é súa”, aseverou o presidente da Xunta, quen amosou a súa confianza de que o novo edificio administrativo sexa “útil” á cidadanía da Pontevedra.
Aposta por Pontevedra
O presidente da Xunta remarcou que a nova sede do Goberno autonómico supón, ademais dunha aposta pola cidadanía, unha aposta clara pola cidade de Pontevedra e unha nova oferta de servizos. “Estamos facendo a cidade do futuro, a do século XXI”, manifestou Pérez Touriño, quen salientou que, aparte dunha gran obra, este edificio é unha nova referencia para a cidade, un novo “espazo de centralidade”.
Touriño destacou os proxectos en marcha en Pontevedra e afirmou que, dentro de cinco anos, “non haberá quen a coñeza”. Así, o presidente galego lembrou que as expropiacións para a construción do novo hospital único comezarán en xaneiro e destacou que esta actuación terá un investimento de 140 millóns de euros. Touriño citou, ademais, a nova rolda interior da cidade e as novas de vías de comunicación con Vigo e Vilagarcía, xa en marcha. “Estamos apostando por Pontevedra co que xa é a imaxe de marca de Galicia: calidade, innovación e seguridade”, remarcou.
“Neste tempo de dificultades, de estancamento da economía non se pode responder con ocorrencias. Ao estancamento da economía, aos problemas do emprego, que é o que máis me preocupa, se responde así, facendo que as concesións públicas funcionen, facendo que a Administración sexa eficaz, e xerando novos proxectos que creen actividade, emprego e riqueza”, salientou.
100.000 chamadas ao 012 e o Portelo 24x7
No transcurso da súa intervención, o presidente galego explicou que a Xunta está inmersa nun proceso de pulo á administración electrónica no que ten un papel sobranceiro o Portelo 24x7 no que os cidadáns poden realizar as súas xestións coa Administración calquera día e a calquera hora.
Nesta liña de actuacións, Touriño salientou, tamén, a posta en marcha do teléfono de información 012, operativo desde xaneiro deste ano, e que recibirá, ata final de ano, máis de 100.000 chamadas, “con picos, algúns días, de máis de 1.100 chamadas, cando sae algunha oferta de emprego ou sae publicado algún plan específico”. “Estamos facendo un esforzo por simplificar os trámites na Administración e temos eliminado a incomodidade da fotocopia do DNI ou do certificado de empadroamento. Agora, calquera documentación á que ten acceso a Xunta, non terá que ser facilitada polo cidadán”, salientou.
46.000 metros cadrados e 10 andares
Referíndose concretamente ao novo edificio administrativo da Xunta en Pontevedra inaugurado hoxe, Emilio Pérez Touriño manifestou a súa confianza en que contribuirá de xeito decisivo a consolidar “a garantía e o cumprimento dos dereitos da cidadanía” e destacou o labor feito polos arquitectos da obra, o Premio Nacional de Arquitectura, Manuel Gallego Jorreto, e Jacobo Rodríguez- Losada.
O novo edificio conta cunha superficie construída de máis de 46.600 metros cadrados, distribuídos en 2 sotos, un semisoto, planta baixa e 10 andares. Albergará a sede das distintas delegacións provinciais das consellerías da Xunta de Galicia en Pontevedra e permitirá a liberación de varios inmobles que eran empregados ata o de agora. Así mesmo, neste edificio tamén se situará a sede da Policía Autonómica, unha oficina de Correos, unha gardería para os fillos do persoal administrativo e un auditorio. Trátase, ademais, dun inmoble con cualificación de eficiencia enerxética, xa que reduce as súas emisións de CO² máis do 60 por cento.