VILAGARCIA (MORRAZO-tribuna).- O director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel J.Fernández Iglesias, e a alcaldesa de Vilagarcía de Arousa, Dolores García, inauguraron hoxe o telecentro de comunicación do concello (sito no antigo Matadoiro) co que a Secretaría Xeral de Comunicación pretende achegar aos veciños as novas canles de comunicación. Preténdese converter este telecentro de comunicación nun espazo apropiado para iniciarse no mundo da comunicación audiovisual e a alfabetización dixital. Durante o acto conectouse a través de videoconferencia co concello de Guitiriz, no que o secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, inauguraba o telecentro da localidade luguesa.
A Secretaría Xeral de Comunicación colabora coa dotación e instalación de equipos audiovisuais e multimedia, así como co seu mantemento tecnolóxico. Ademais, incorpora o concello á Rede de Telecentros de Comunicación (RTC) para que se beneficien do traballo colaborativo en rede e da comunidade virtual da RTC. A inversión da Secretaría Xeral de Comunicación para a posta en marcha dese telecentro de comunicación foi de 120.000 €.
Ademais de dotar aos TCs do equipamiento axeitado (no caso do TC de Vilagarcía de Arousa 20 terminais de ordenador), a Xunta de Galicia busca que adquiran un dinamismo para o que se están a desenvolver proxectos que permiten aproveitar as sinerxias que xorden da administración autonómica e da local.
Un dos obxectivos da Secretaría Xeral de Comunicación é converter o telecentro de comunicación nun punto de encontro dentro do concello conseguindo incorporalo como alternativa habitual na axenda de tempo libre da cidadanía. Asociacións e colectivos de todo tipo poden utilizar este telecentro de comunicación (TC) para realizar cursos, roldas de prensa, videoconferencias, reunións de traballo, visionado de audiovisuais, conferencias, etc.
Durante o acto de inauguración o secretario xeral de Comunicación avanzou que nos próximos días terá lugar a sinatura dun convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral de Comunicación e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para o desenvolvemento de actividades de formación permanente do profesorado a través da Rede de Telecentros de Comunicación. O acordo será asinado pola conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón e o secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado.
A Rede de Telecentros galega
Un telecentro de comunicación (TC) é un espazo acondicionado acusticamente e de estética particular que dispón de material informático (ordenadores, impresoras, etc), equipo de videoconferencia, material audiovisual, pantallas de proxección e de plasma, así como outros sistemas de control que permiten recrear diferentes escenarios (accións formativas, videoconferencias, visionado de audiovisuais ou multimedia dependendo das necesidades técnicas do evento que se queira desenvolver).
A Rede de Telecentros de Comunicación (RTC) é un servizo público e gratuíto para todos os cidadáns financiado pola Secretaría Xeral de Comunicación, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, en colaboración cos concellos onde se sitúan.
Actualmente, a Secretaría Xeral de Comunicación, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, dispón de telecentros situados nas localidades de Abegondo, Arzúa, Betanzos, Boiro, Carballo, Ferrol, Melide, Muros, Oroso, Negreira, Ribeira, Santa Comba, Vedra, Vimianzo, Ares, Santiago, Padrón, A Coruña, A Fonsagrada, Becerreá, Chantada, Foz, Guitiriz, Lugo, Monforte, Monterroso, Quiroga, Sarria, Viveiro, Meira, Allariz, Carballiño, Castrocaldelas, O Barco, Ourense, Verín, Xinzo, A Cañiza, A Estrada, Catoira, Lalín, Marín, Ponteareas, Redondela, Tui, Vigo, Vilagarcía, Cangas.