O PP de Redondela trata de “nefasta” a actuación da Xunta no municipio e afianza posicións na localidade de Chapela “tan esquecida” polo goberno local
A EDIL POPULAR LORENA LÓPEZ APOSTA POR UN GOBERNO ESTABLE, RESPONSABLE E COMPROMETIDO NA SÚA PRESENTACIÓN COMO CANDIDATA Ó PARLAMENTO GALEGO
A campaña electoral continúa con mitins e visitas a tódalas parroquias
REDONDELA (MORRAZO-tribuna).- Lorena López Rodríguez, veciña de Chapela, Licenciada en Dereito, avogada e especialista en urbanismo, foi unha das elixidas para configurar a lista do Partido Popular na provincia de Pontevedra. Onte, ás 20.30 horas no restaurante El Canario, a candidata foi presentada ante veciños e simpatizantes nun acto marcado pola reivindicación dun “goberno estable, responsable, austero e comprometido como o postulado polos populares” sinalaba a concelleira. López apostaba por Alberto Núñez Feijoo como “a persoa próxima e preparada, excelente xestor e líder responsable, merecedor da confianza dos galegos para asumir as rendas dunha Galicia esquecida pola ambición política do bigoberno da Xunta”.
Os populares aseguran que o bipartito da Xunta resume a súa andaina no municipio como “un mal soño, con moitas fotos e poucos feitos, que pechan cun balance de catro anos de plans e proxectos completamente alleos aos interese veciñais”. Neste senso, López reseñaba a situación de abandono que sofren os problemas cotiáns dos redondeláns, plasmada nunha longa lista de incumprimentos que deixa o bigoberno sobre a mesa, tratando de nefasta a actuación da Xunta no municipio. Tamén recordaba á localidade de Chapela como “a parroquia sempre esquecida dende o goberno local e prexudicada polos derradeiros plans de infraestructuras procedentes da Comunidade Autónoma”.
A edil aseguraba que “xa é o momento de poñer fin a esta situación indesexable de división, enfrontamento e disconformidade”, animando a tódolos presentes a mirar cara o futuro na procura dun diálogo entre o goberno da Xunta e a sociedade, “unha cuestión só posible cun goberno popular”.