ARCADE/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).-A candidata número 1 do BNG, Teresa Táboas, participou esta tarde-noite nun mitin no multiusos de Arcade, no concello pontevedrés de Soutomaior, onde asegurou que, “os nacionalistas galegos nunca nos escondemos ante os problemas: estamos ante unha crise grave e é preciso tomar medidas”. “Desde o goberno promovemos o solo industrial, puxemos en marcha o plano sectorial de vivenda protexida, resolvemos un concurso eólico vinculado a novos proxectos industriais e aumentamos os postos de traballo nos servizos sociais coa creación do Consorcio de Igualdade e Benestar, entre outras medidas”, afirmou.
“Aquí en Arcade chove sobre mollado, porque este concello perdeu xa moitos postos de traballo en empresas como Pontesa”, asegurou a conselleira de Vivenda e solo. “Nós non podemos prometer variñas máxicas ante unha crise global, pero si podemos comprometernos a empregar as competencias do goberno galego para tentar paliar os seus efectos”, afirmou. “E canto máis autogoberno teñamos, máis recursos terá Galiza para deseñar políticas propias para saír do bache”, dixo.
“Non debemos perder a perspectiva de que esta é unha crise provocada por un modelo económico ultraliberal que deixou as mans da economía no poder financeiro, en concreto na banca privada”, asegurou. “Por iso levamos no noso programa a proposta da creación dun Instituto Galego de Crédito Oficial para dotar de financiamento á pequena e mediana empresa, agora que a banca pechou a billa do crédito”, dixo. “O BNG aposta polo papel regulador dos poderes públicos na economía”, enfatizou.
“Mentres tanto, o Partido Popular limítase a adoptar unha posición catastrofista sen propoñer ningunha alternativa; e desde o goberno central prodúcese a maior privatización de recursos públicos da historia, entregando miles de millóns de euros á banca”, afirmou.
“Fronte aos que propoñen máis precariedade laboral, nós defendemos as melloras dos salarios para os traballadores; fronte ao neoliberalismo, defendemos a regulación pública da actividade económica; fronte á economía especulativa que nos levou á crise, defenderemos os nosos sectores produtivos: a economía real”, concluíu.
Montse Prado
A delegada de Innovación e Industria enfatizou a aposta do BNG por “unha forma diferente de gobernar”. Nesa liña, lembrou os investimentos de máis de 250.000 euros no comercio e de 300.000 en explotacións gandeiras e forestais, así como a galescola posta en marcha por Vicepresidencia.
A candidata número 7 asegurou que “a maioría dos galegos e galegas teñen claro que é o BNG quen mellor defende os intereses de Galiza” e que “iso ten que ser convertido en apoios de aquí ao 1 de marzo”.