VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Unidade de Policía Nacional Adscrita (UPA) á Comunidade Autónoma de Galicia intervirá no control da legalidade urbanística. Isto é posible grazas a un acordo asinado entre as Consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza –a través da Dirección Xeral de Interior- e a de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes –pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística-. Trátase dun procedemento operativo para o desenvolvemento de actuacións de colaboración policial en materia de inspección e control do cumprimento da normativa urbanística.
No documento recóllense as actuacións de colaboración policial en inspección e control en materia urbanística e na procura dun eficaz cumprimento da normativa deste eido. O procedemento operativo iníciase coa determinación dos ámbitos competenciais e de actuación da UPA e da Axencia. Logo deséñanse as actuacións de colaboración policial tanto en disciplina urbanística como en protección de costas.
En materia de disciplina urbanística, o corpo policial apoiará á Axencia na vixilancia do territorio para comprobar que as obras de nova edificación conten coas correspondente licenza municipal e, se é o caso, coa preceptiva autorización autonómica. Tamén colaborará na identificación dos presuntos infractores e nas pescudas para determinar as responsabilidades. Así mesmo, realizará comprobacións do cumprimento das resolucións ditadas pola propia Axencia e dará auxilio de forza pública para levar a cabo as execucións das ordes de demolición do indebidamente construído e da restauración dos bens ao estado anterior.
No relativo á protección de costas, os axentes vixiarán a zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, comprobando que as obras de nova edificación contan coa autorización da Axencia, identificarán aos presuntos infractores e darán auxilio policial nas execucións forzosas de demolición do indebidamente construído.
Para que os funcionarios policiais conten coa debida especialización participaron en accións formativas impartidas na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) por distintos técnicos implicados na legalidade urbanística. Ademais, no propio documento de colaboración recóllese a realización de accións conxuntas de información, asesoramento técnico e formación, así como calquera outra actividade que as partes estimen convenientes para garantir o axeitado nivel de preparación e constante actualización.
Primeira actuación
Mañá, como primeira actuación no marco do devandito procedemento operativo, no Concello de Oza dos Ríos (A Coruña), membros da UPA prestarán auxilio policial a técnicos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística na execución forzosa de demolición dunha obra ilegalizable por ser incompatible co ordenamento urbanístico. Tamén se procederá á reposición dos terreos afectados ao estado anterior, consonte se establece nas resolucións administrativas e xudiciais ditadas nas que se ampara dita actuación. A esta actuación seguiranlle outras xa requiridas pola Axencia para a comprobación de paralizacións de obras en diversas zonas do territorio galego.