VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O presidente da Deputación, Rafael Louzán, mantivo hoxe unha reunión no Pazo Provincial con representantes dos parques comarcais de bombeiros do Salnés, Morrazo, Porriño e Deza na que trataron diversas demandas deste colectivo entre as que primaron a creación dun Consorcio provincial Contra Incendios e Salvamento na Provincia de Pontevedra.
Segundo o presidente “trátase dunha demanda que a Deputación leva tempo reivindicando” pero que non se chegou a materializar por mor da “falta de diálogo da Xunta de Galicia”. Neste senso, recordou Louzán que “as Deputacións foron excluídas dos órganos de Goberno da Axencia Galega de Emerxencias o que prexudica e ós cidadáns”.
Os representantes dos parques comarcais prevén manter tamén reunións cos respectivos concellos e coa Xunta de Galicia. Non obstante, esperarán ata despois dos comicios xa que entenden que reunirse nestes momentos non sería operativo no caso de que cambiase a configuración do Goberno Autonómico. Rafael Louzán comentou a este respecto a súa confianza en que “a partires do un de marzo poidamos establecer un diálogo fluído coa Xunta para garantir a seguridade dos cidadáns”.
Ó remate da xuntanza os representantes dos bombeiros manifestaron a súa satisfacción pola boa disposición de Rafael Louzán no relacionado con esta reivindicación. Asistiron, concretamente, Suso García, secretario da Unión Local da CIG no Morrazo; Rubén Fraga, e Carlos Álvarez do Parque do Morrazo; Santi Melio, delegado do parque do Salnés; Alfonso García do parque de Porriño; e Beni Diéguez do parque comarcal do Deza.
O papel da Deputación
O titular da Deputación recordou que “a Deputación Provincial de Pontevedra sempre puxo a disposición da Xunta os seus medios nos casos que foi necesario” e engadiu que “a contribución da institución provincial posibilitou a creación de un centenar de postos de traballo”.
Así mesmo, Louzán explicou que a Deputación leva investidos en colaboración coa Xunta 12 millóns de euros na creación, posta en funcionamento e mantemento de cinco parques comarcais de bombeiros na provincia (no Deza, en Ribadumia, Vilagarcía, en Bueu e en Porriño). E tamén a Deputación participou na adquisición de vehículos de primeiros auxilios e bombeiros en poboacións importantes como A Estrada e Ponteareas.
O titular do organismo provincial, Rafael Louzán, tamén destacou que anualmente a Deputación destina máis de dous millóns de euros ó mantemento dos parques comarcais de bombeiros
Pero ademais, a Deputación chegou a un acordo cos sindicatos a través do cal un equipo de máis de 70 profesionais que estarán a disposición as 24 horas do día no caso de que se produza unha emerxencia de extrema gravidade. Unha iniciativa que ten un custe anual de tres millóns de euros. Neste senso, Louzán concluíu que “non existe ningunha institución pública na provincia que conte cos medios humanos e materiais como o que ten a Deputación, nin dedique un esforzo económico do calibre do da Deputación.
Suba das nóminas
Compre recordar que a Deputación Provincial de Pontevedra tamén asume o 50% dos gastos derivados do aumento das retribucións salariais dos bombeiros, que viron aumentado o seu soldo en 227 euros mensuais.
Esta medida levouse a efecto na nómina de febreiro de 2008 e aplicouse no persoal de todos os parques de bombeiros cofinanciados pola Deputación, isto é, os do Deza, Morrazo, Baixo Miño e O Salnés.