VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, recibiu hoxe no Pazo Provincial á xunta directiva e afiliados da Asociación de Empresarios de Moaña, que acudiron á institución provincial en busca de solucións con que atallar a crise que está a atravesar o sector.
Luis Alves, tesoureiro da asociación, valorou “moi positivamente” esta xuntanza que serviu, segundo as súas verbas, “para presentar ó presidente as nosas necesidades, que son moitas nestes tempos, esperando o apoio da Deputación ó sector empresarial da comarca”.
Luis Alves, tesoureiro da asociación, valorou “moi positivamente” esta xuntanza que serviu, segundo as súas verbas, “para presentar ó presidente as nosas necesidades, que son moitas nestes tempos, esperando o apoio da Deputación ó sector empresarial da comarca”.
Alves explicou as propostas que lle fixeron chegar a Louzán: “En principio, nestes momentos non hai nada concretado. Non obstante, existe unha ampliación de dúas estradas provinciais na zona de Moaña, aínda pendentes de firmar o convenio co Concello, e dependendo diso, en caso de que haxa obras da Deputación na zona ou na comarca, pedímoslle que nolo fagan saber para que, a través da asociación, poidamos ofertar para ter acceso ó concurso. E, de non conseguirmos a adxudicación, polo menos que as empresas adxudicatarias, aínda sendo de fora, contraten a persoal da comarca”.
Neste senso, o tesoureiro comentou que “as impresións que nos levamos deste encontro son moi boas, e a postura de diálogo que amosou a Deputación é digna de eloxio, xa que intentamos que se nos recibise no concello de Moaña e ninguén o fixo. Por iso valoramos a xuntanza mantida hoxe, porque todo o que poida aportar a Deputación, sexa moito ou pouco, sempre será sumar e non restar”.
A Asociación de Empresarios de Moaña, que na actualidade aglutina a 171 empresarios —representando ós sectores da construción, asesoría, carpintería de madeira e metal, fabricación e comercio de peixe, naval, subministro de materiais, hostalería e distribución, transportes—, traballa para ofrecer o máximo asesoramento ós seus asociados.