VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- Chove sobre mollado. O PSOE utiliza instalacións públicas para a súa campaña electoral, segundo se deprende do que está a suceder no Hospital Comarcal da Barbanza, o recinto do cal, ao aire libre, está repleto de propaganda socialista, colocada co visto e prace da directora-xerente do centro, segundo denuncia o portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Manuel Ruiz Rivas.
"O feito reviste especial gravidade, na medida en que se trata dunha práctica reincidente, tendo en conta que nas Eleccións Municipais, a xerente do hospital permitiu a utilización desas dependencias para realizar un acto político da campaña socialista. Esta práctica revela que a directora-xerente do hospital está consentir a utilización dos recursos públicos so servizo da campaña do PSOE, formación da que é unha destacada militante, o que explica este tipo de prácticas irregulares.
A transixencia da Xunta ao permitir que se utilice o entorno do Hospital da Barbanza para despregar a propaganda política do PSOE choca coas extralimitacións que comete cando tenta impedir o desenvolvemento da campaña do PPdeG. De feito, Portos de Galicia tratou de impedir, na campaña das pasadas Eleccións Xerais, que o PPdeG colocara a súa cartelería nunha propiedade privada situada ao carón das dependencias portuarias de Ribeira", denuncia o PP.
Para Ruiz Rivas, o sucedido no Hospital da Barbanza revela que a xerente do mesmo prima a súa militancia política sobre as responsabilidades que ten encomendadas en materia sanitaria, o que explica o progresivo deterioro da calidade asistencial que padecen a cotío os habitantes da comarca así como a manipulación dos datos oficiais que facilita a través dunhas listas de espera que distan moito de reflectir a situación real do centro.