04 febrero 2009

QUINTANA: “TEMOS QUE CRER EN NÓS, CRER EN GALIZA E DEFENDELA TOMANDO AS NOSAS DECISIÓNS SEN PEDIR PERMISO A NINGUÉN”

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Anxo Quintana, participou esta tarde nun acto público en Cambados no que participaron tamén o portavoz municipal, Victor Caamaño; a candidata Montse Castro e a cabeza de lista por Pontevedra, Teresa Táboas.
O líder nacionalista reclamou neste foro a “confianza” dos galegos e galegas porque, tal e como indicou, “temos que crer en nós, crer en Galiza e tomar as nosas decisións sen pedir permiso a ninguén”. Neste sentido indicou que, o vindeiro 1 de marzo, os cidadáns deste país enfrontaránse a un deses momentos na vida no que “hai que tomar unha decisión” e amosou a súa certeza de que nese trance “Galiza tomará a única dirección posíbel, a de afortalar o autogoberno” para poder afrontar a crise.
Redundou no argumento ao subliñar que “é o momento de usar a autonomía política, é o momento de usar o autogoberno para xerar benestar”, e “temos mecanismos para paliar os seus efectos”. Afirmou que “é o momento de dar un paso adiante, porque o crédito non está a chegar ás empresas e ás familias. Penso que desde o autogoberno algo podemos facer ao respeito”, e lembrou a proposta do BNG de contar cun Instituto de Crédito de Galiza para que “o crédito chegue á economía produtiva, ás familias e pequenas e medianas empresas”.