06 octubre 2009

El BNG ve que al PP se le va la mano en los recortes... que afectan a la Cociña Galega de Vangarda

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A portavoz de Educación do BNG,
Carme Adán, denunciou hoxe que a supresión do módulo de Cociña Galega de
Vangarda da formación de técnicos de Cociña “é unha decisión política do
Goberno do PP que causará un gran prexuízo ao turismo e á industria
alimentaria de Galiza”.
Carme Adán preguntoulle este mediodía na Comisión de Educación ao Director
Xeral de Educación polas verdadeiras razóns polas que a Consellaría de
Educación decidiu suprimir un módulo “que supuña un custo cero para a
administración, que daba boa formación, que gustaba ao alumnado e que era
un valor engadido para o turismo e para a industria alimentaria galega”.
A deputada nacionalista lembrou que “a cociña galega é unha manifestación
cultural e tradicional, que se adapta aos novos tempos e que é un atractivo
importantísimo para o turismo galego”.
Carme Adán subliñou que “á Xunta de Galiza correspóndelle por lei
desenvolver o 45% dos módulos de FP, e así o fixeron mesmo comunidades
como Castela e León, establecendo un módulo propio de Tapas e Pintxos”.
Unha “limitación” para o Partido Popular
Na sua resposta o director Xeral de Educación recoñeceu que a decisión da
Consellaría obedeceu a que consideraban este módulo “unha limitación á
mobilidade dos estudantes, por exemplo a Madrid”.
Para Carme Adán a resposta demostra que “a decisión foi completamente
política, non de carácter técnico” e demostra que “para o Partido Popular todo
o que sone a galego é unha limitación, non mostran a mínima autoestima e
valoración do propio”. “Queren uniformizar a educación en Galiza coa de
Madrid, mesmo eliminando da formación profesional un valor engadido
importantísimo para Galiza como é a nosa gastronomía”.
“Revisionismo e revanchismo do Goberno do PP”
A deputada do g.p do BNG Carme Adán salientou o “revisionismo revanchista”,
a “improvisación” e a “reducción de dereitos” como as principais características
deste comezo de curso, o primeiro do actual goberno do PP, e lamentou que o
director xeral de Educación se sinta satisfeito deste inicio e asegure que se
produciu con normalidade.
Carme Adán amosou tamén a súa sorpresa porque a estas alturas o conselleiro
aínda non fora quen de comparecer e teña que ser o director xeral o que
asuma o traballo de dar contas de todas as incidencias e recortes que non se
poden xustificar, segundo a deputada, por cuestións técnicas ou de lexislación
senón que responden a “decisións políticas” acordes co modelo educativo polo
que se aposta, que é o da “privatización”.
Neste sentido, a parlamentar pediu ao grupo popular que non queria confundir
e non lle dea a volta aos argumentos tentando acusar á oposición de ser a que
desvaloriza a pública.
Copago nos comedores
A deputada nacionalista fixo un repaso durante a súa intervención aos distintos
puntos de conflicto xerados polo goberno en materia educativa, salientando a
supresión da gratuidade dos libros, sustituindoa por un peculiar concepto de
“gratuidade solidaria”, e os bandazos que se están a dar sobre os comedores
escolares.
A este respeito, pediu que se clarifique se as declaracións realizadas onte por
Diego Calvo son un “aviso a navegantes”, para ir asumindo que no futuro se
vai apostar polo copago, toda vez que o argumento de que o aforro nos libros
se ía invertir en comedores fica demostrado que “era pura hipótese que non se
ía poder levar a cabo”.
Carme Adán tamén puxo enriba da mesa o recorte no profesorado e nos
Centros de Formación para eles, o número de escolas que están pechadas, a
folga nas Escolas de Idiomas e, especialmente, a circular sobre conductas
disrutivas, cualificando de “barbaridade” que eses alumnos con dificultades en
lugar de contar con persoal de apoio se “confinen” aulas con profesorado de
garda.