02 octubre 2009

Medio Rural continúa con su melodía lechera...

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O director xeral de Produción Agropecuaria da Consellería do Medio Rural, José Álvarez Robledo, anunciou esta mañá en Santiago a firme decisión do seu departamento de intensificar as accións de control da trazabilidade do leite en toda cadea comercial, co fin de ofrecer garantías ao consumidor da súa calidade e permitir a distinción da produción galega.

Con esta iniciativa, a Administración continúa dunha maneira activa e firme na esixencia do cumprimento do ‘Pacto do Leite’ recentemente asinado en Madrid entre representantes da industria e os produtores. No mesmo senso, Robledo subliñou o condicionamento na concesión de axudas á sinatura de contratos homologados cos produtores.

As industrias están obrigadas a exercer un papel activo neste eido que lles reportará a seguridade do aprovisionamento da materia prima, redundando nun abaratamento dos custes de recollida.

A Consellería do Medio Rural é consciente da necesidade dunha acción concertada en medios e en intensidade ao longo e ancho do territorio, posto que só así dará os froitos esperados que non son outros que axudar a dotar ao sector dun equilibrio estable. A Xunta amosa deste xeito a súa decidida aposta polo papel público na axuda á vertebración do sector.