05 octubre 2009

Rosa Quintana incide na importancia da internacionalización do tecido empresarial galego

Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, considera que a comercialización é clave para potenciar a industria galega do conxelado e recoñece que “é unha materia pendente”. A conselleira dixo que o obxectivo do seu departamento é “gañar competitividade” o que esixe o coñecemento das necesidades e demandas dun mercado cada vez máis complexo. “Debemos transformar e dar valor engadido a uns produtos, os do mar de Galicia, xa de por si dotados de calidade”, sentenciou.

A conselleira incidiu na importancia da internacionalización do tecido empresarial galego sobre todo en momentos coma este, de descenso de consumo e inversión, e lembrou que “Galicia desenvolve unha gran industria do conxelado de produtos pesqueiros que xera hoxe en día máis de 8.000 empregos e preto de 3.000 millóns de euros en movemento económico”.

Na clausura do Congreso Internacional sobre las tendencias del mercado de los productos congelados, que se celebrou en Vigo coma un acto previo a Conxemar, Rosa Quintana felicitou aos organizadores da feira e recalcou que eventos coma Conxemar permiten ao sector do conxelado abrir novas vías de negocio.