18 septiembre 2008

BNG acusa ao PP de crear "alarma social"
no caso da Sanidade en Vigo

SANTIAGO/VIGO (MORRAZO-tribuna).- A portavoz do grupo parlamentar do BNG en materia sanitaria, Cristina Ferreiro, intervíu esta mañá na Comisión de Sanidade do Parlamento no debate dunha proposición non de lei do PP sobre a atención no servizo de cirurxía pediátrica do complexo hospitalario de Vigo.
Ferreiro criticou duramente a actitude do PP e subliñou que “as cifras que aportan coas listas de espera non se corresponden coa realidade, nin no tempo de espera nin no número de persoas” e asegurou que esta manipulación ten dúas fins: “crear alarma social e desprestixiar o sistema público galego de saúde”.
A deputada nacionalista lembrou que durante os anos en que tivo responsabilidades de goberno, o PP só actuaba para “privatizar a sanidade, porque non cren nun sistema público” e, xa que logo, a súa estratexia é “acusar aos demais do que vostedes facían: agochar pacientes que non se contabilizaban”.
Cristina Ferreiro puxo en valor o labor desenvolvido polo novo goberno e indicou que aqueles pacientes que teñen que agardar por períodos de tempo máis prolongados “son enfermos en continuo contacto cos profesionais, con un seguimento rigoroso da súa situación” e apuntou que “os nenos e nenas que están en situación de prioridade pola súa gravidade non teñen espera nin para probas nin para intervencións”.