18 septiembre 2008

Galiza Nova celebra 20 anos
coas "Xornadas de Verán"


PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, e a secretaria de Organización, Noa Fernández, presentaron a programación das 'Xornadas de Verán', que se desenvolverán este fin de semana na comarca de Pontevedra, e que inclúen actividades para celebrar o 20 aniversario da organización. Segundo explicou Aboi, estas xornadas servirán para que a mocidade de Galiza "coñeza o seu país, as súas distintas realidades e situacións"; así como para "apostar por un modelo de lecer diversificado", posto que terán lugar charlas, deportes, festas e talleres, entre outras actividades.
Ademais, salientou que Galiza Nova "leva traballando arreo todo o verán" e, como exemplos, citou o 'Festigal' e diferentes festas ao longo do mes de agosto. "É a mostra de que traballamos todo o ano, non como outras asociacións que só van a rebufo das súas organizacións políticas", proclamou. Informou de que o prezo por participar nestas xornadas é "unha mínima contribución" de 15 euros que inclúe todos os gastos --aloxamento, xantar, actividades e desprazamentos--, para que os mozos "non teñan que renunciar" a asistir.
A secretaria xeral da organización xuvenil do BNG tamén explicou que a elección de Pontevedra responde ao "apoio" a un modelo de cidade "integradora e respectuosa co medio ambiente e os sinais de identidade", ao tempo que "creadora de riqueza e emprego" para a mocidade.
Pola súa parte, a responsábel de Organización de Galiza Nova, Noa Fernández, incidiu en que as propostas desta xornada serán "atraentes" nas súas vertentes "lúdica e formativa".
Deste modo, apuntou que os asistentes poderán gozar dos concertos de Balakandra e Cuchufellos, así como de rutas por Pontevedra e Cotobade. Ademais, celebraranse charlas sobre o "problema medioambiental" de Ence-Elnosa e sobre o Partido Galeguista na comarca pontevedresa. Así mesmo, e entre outras actividades, visitarán a vila de Combarro, a praia fluvial de Pontesampaio e o areal de Lourido; e participarán en actividades deportivas de esgrima e piragüismo. "É un programa variado e atraente", resumiu Noa Fernández.
As XX Xornadas de Verán de Galiza nova iniciaranse este venres ás 18:30 horas cunha recepción oficial aos mozos e mozas participantes por parte do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, no Pazo da Cultura. Ademais do alcalde, no acto de recepción tamén intervirán a responsábel comarcal de Galiza Nova en Pontevedra, Margarida Caldas, e a secretaria xeral, Iria Aboi.