17 septiembre 2008

O BNG denunciou “a presenza absolutamente marxinal do galego na Administración de Xustiza” e pediu a Zapatero “políticas activas"

MADRID (MORRAZO-tribuna).- O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, enumerou na súa interpelación no Pleno ao Presidente do Goberno español, todas as vulneracións, infraccións e incumprimentos da Administración Xeral do Estado en relación ao uso do galego. Denuncias das que Zapatero afirmou “tomar nota para dar as instruccións oportunas”.
Os reiterados incumprimentos do Goberno da legalidade lingüística
Jorquera puxo de manifesto ao Presidente do Executivo a “negativa da Policía e da Garda Civil a admitir certificados de estudos oficiais en galego aos alunos que queren opositar a prazas neses corpos”. Así como a vulneración constante da toponimia galega en webs da Administración, sinais de tráfico e rótulos de estacións ferroviarias, a ausencia de versións en galego en páxinas web de órgaos dependentes da Administración central, e sobre todo, puntualizou, “a presenza absolutamente marxinal do galego na Administración de Xustiza”.
O deputado do BNG sinalou que “o incumprimento desta legalidade en materia lingüística é demasiado reiterado” e subliñou que a “protección xurídica da que goza o galego é moi inferior á do castelán, e pese a iso, nen siquera se cumpre co establecido”.
O parlamentar nacionalista advertiu a Zapatero que “esta é a situación real pese as campañas impulsadas desde algúns ámbitos que intentan facer crer que é o castelán e os seus falantes os que sofren discriminación”.