15 septiembre 2008

PONTEVEDRA : O campo de fútbol de Monte Porreiro súmase aos sete acondicionados nas parroquias

PONTEVEDRA.- O programa de condicionamento de campos de fútbol dos barrios e parroquias do municipio de Pontevedra, que supervisa o concelleiro Miguel Vázquez Plaza en coordenación coa Concellería de Deportes, afronta nestes días a mellora no campo de fútbol de Monte Porreiro, no que recentemente se desbrozou todo o seu entorno de maleza.
Os traballos, ao igual que no resto de terreos de xogo de terra, consisten no movemento de terras cunha motoniveladora que elimine todas as terras negras e, seguidamente, se continuará cunha cubrición de xabre de boa calidade (de canteira).
O contorno do campo de fútbol de Monte Porreiro foi desbrozado hai dúas semanas polos servizos de parques e xardíns do Concello. Tratouse de preto de dúas hectáreas nas que se eliminaron especies invasivas, toxos, silvas e demais arbustos que facían impracticable o campo. Nesta mesma semana tamén remataron os traballos de acondicionamento do campo de fútbol de Campañó, que se realizaron do mesmo xeito que no de Monte Porreiro.
Os dous véñense a sumar á mellora doutros campos de terra que a concellería de barrios e montes, que dirixe Miguel Vázquez Plaza está a realizar no rural pontevedrés. Ademais de Campañó, tamén está rematado o de Marcón, que foi visitado recentemente polo concelleiro e a responsable de Deportes do Concello, Anxos Riveiro.
Outros campos executados dende finais do pasado ano son o de Salcedo, Verducido, Santa María e San Andrés de Xeve, Cerponzóns, e continuarase co resto do municipio de xeito progresivo.