05 noviembre 2008

Xabier Alonso subliña que os orzamentos do 2009 “son os máis importantes da historia do deporte de Vigo”


VIGO (MORRAZO-tribuna) .- O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, salientou este mércores que os orzamentos municipais correspondentes ao 2009 son os “máis importantes da historia deportiva de Vigo”. O edil nacionalista explicou que a suma das partidas da Concellería de Deportes e do IMD suman 11.121.000 euros, o cal supón que “seguimos batendo récords na historia do deporte da cidade” e fai posible reforzar o apoio ao deporte de base, apostar polos grandes acontecementos deportivos, respaldar aos clubes federados e manter o impulso ás iniciativas de deporte e saúde.
“Na Concellería de Deportes seguimos batendo récords porque son os orzamentos máis importantes na historia deportiva viguesa”, salientou Xabier Alonso, quen indicou que os orzamentos da Concellería de Deportes para o vindeiro exercicio, que ascenden a un total de 11.121.000 euros, permitirán seguir traballando en catro liñas fundamentais. En primeiro lugar, subliñou que as contas para o 2009 permitirán seguir apoiando o deporte de base, cun incremento do 500 por cento da achega á Fundación VIDE.
En segundo lugar subliñou que permitirán seguir apostando pola celebración de grandes eventos deportivos na cidade. Neste sentido indicou que no mes de decembro terá lugar o Campionato de Europa de Boxeo e xa o vindeiro ano Vigo será a sede do Campionato do Mundo de Hípica, do Campionato de Europa de Taekwondo e do Campionato do Mundo de Hóquei a Patíns. “Nun momento de crise como o que se está a vivir, é preciso primar a celebración de grandes eventos deportivos”, afirmou o edil do BNG, posto que ao seu xuízo teñen unha forte repercusión na hostelería e no comercio da cidade. Neste sentido, apuntou o interese de medir o impacto económico dos diversos eventos que se celebren en Vigo, posto que son un elemento importante na “desestacionalización do turismo”.
O concelleiro de Deportes salientou, en terceiro lugar, que os orzamentos da súa concellería permitirán seguir mantendo o apoio aos clubes federados, posto que a partida para o 2009 ascende a 1.040.000 euros, “de xeito que batemos un novo récord”, destacou. Ao respecto indicou que nun momento de crise como o actual, no que algúns clubes de élite perderon parte dos seus patrocinadores, “é importante que saiban que a achega do Concello está segura”. Finalmente, segundo Xabier Alonso, posibilitarán seguir impulsando o “deporte para todos” como elemento fundamental na mellora da calidade de vida da cidadanía co desenvolvemento de iniciativas de deporte e saúde.
Entre as actuacións que desenvolverá a Concellería de Deportes, o edil nacionalista salientou a construción dun novo pavillón deportivo en Candeán, para o que nos orzamentos do 2009 existe unha partida de 400.000 euros. “Trátase dunha demanda fundamental para a zona, moi demandada pola veciñanza da parroquia”, sinalou. En canto ao IMD apuntou a creación de tres novas prazas, dúas de oficios varios, para mellorar as instalacións, e outra dun técnico informático, para modificar a estrutura administrativa da instalación. Ademais, acometerase a substitución das cubertas de diferentes pavillóns, co obxectivo de “ofrecer máis calidade nas instalacións deportivas da cidade”.
“Dende o Goberno da cidade estamos moi concienzados dos valores do deporte, e eses valores plásmanse nos orzamentos da Concellería de Deportes máis importantes da cidade”, indicou o edil nacionalista.