23 septiembre 2009

Axuda de Deputación á Confraría de Pescadores de Moaña

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O presidente da Deputación, Rafael Louzán, asinou hoxe un convenio de colaboración co representante da Confraría de Pescadores de Moaña, Manuel Pena Chapela, que terá por obxecto a adquisición dun vehículo para o seu uso por parte desta entidade.

Así, a confraría terá acceso a un furgón da marca Citröen modelo Jumpy HDI 120. Este vehículo ten un custe de 26.273,44 euros, non obstante, deste orzamento, a Deputación asumirá o 23,1%; Caixanova outro 23,1% e, pola súa banda, a entidade automobilística Citröen realizará un desconto no prezo do 30,7% de xeito que, finalmente, a confraría asumirá a contía restante, outro 23%.

Manuel Pena salientou que este vehículo será utilizado principalmente polas 300 mariscadoras integradas na confraría. Segundo explicou “moitas delas teñen certa idade polo que este furgón serviralles de apoio no seu traballo diario para non ter que transportar ó lombo a mercancía”.

Segundo explicou Louzán, esta acción enmárcase nun plan impulsado pola Deputación en colaboración con Caixanova e Citröen que terá por obxecto a concesión de vehículos a 80 entidades asistenciais e deportivas da provincia sen ánimo de lucro. A institución provincial está a investir nesta iniciativa un orzamento de preto de tres millóns de euros.

O titular da Deputación comentou finalmente que esta acción, ademais de satisfacer unha demanda recorrente por parte dos colectivos sociais e deportivos da provincia, tamén contribuirá á reactivación económica de sectores clave na economía provincial como é o da automoción e xerar emprego nestes momentos de crise económica.