24 septiembre 2009

Continúa la programación de "Vai de Camiño"

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A IV edición do programa “Vai de Camiño” persiste na súa estratexia de levar espectáculos e manifestacións artísticas aos concellos de toda Galicia polos que pasan os camiños xacobeos ó tempo que se promove aos artistas galegos e impúlsase a nosa industria cultural e do espectáculo. “Vai de Camiño” consolídase como o circuíto de espectáculos máis extenso que se desenvolve en Galicia contribuíndo de xeito notable á dinamización cultural dun bo número de concellos galegos.
O programa de cultura e espectáculos Vai de Camiño 2009, organizado pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, da Consellería de Cultura e Turismo, achégase nos próximos días aos concellos de Mos, Rois e Caldas de Reis, no Camiño Portugués, e Monterroso, no Camiño Francés, coa seguinte programación:

Mos. Camiño Portugués. Xoves, 24 de setembro. En dúas sesións matinais, ás 10.00 e ás 12.00 h., no Multiusos, “Abracadabra Produccións” presenta o seu festival de maxia itinerante, un espectáculo para todos os públicos no que ao longo de 75 minutos e da man dos magos Teto e Rafa desfilan distintas especialidades da maxia, dende aparicións ata incribles adiviñacións, pasando por xogos de cartas ou números musicais.

Rois. Camiño Portugués. Venres, 25 de setembro. No Auditorio do Edificio Multiusos, ás 11.00 h., “Quinteto Pentafonía”. Trátase dun quinteto de vento que, acompañado da “Compañía Imaxinaria”, interpreta obras de Mozart ao tempo que representa dun xeito divertido a súa vida e algúns dos personaxes da súa ópera “A frauta máxica”.

Monterroso. Camiño Francés. Sábado, 26 de setembro. Na Cúpula, na Praza do Conselleiro Fernando Salgado, ás 23.00 h., actuación de “Pepe Vaamonde Grupo”, unha formación de folk galego pensada para o directo de grande calidade instrumental e cheo de forza emocional que ven de presentar o seu terceiro álbum, “Introterra”.

Caldas de Reis. Camiño Portugués. Martes 29 de setembro. No Auditorio Municipal, ás 11.30 h., “Falcatrúa Títeres”, representando a obra “Linocho e a Lúa”. “Falcatrúa Títeres” é unha compañía da Coruña especializada na creación de obras orixinais pensadas especificamente para a súa posta en escena con monicreques, buscando a participación e o equilibrio entre tradición e modernidade.



Os interesados en acudir a estes ou outros espectáculos da “Vai de Camiño” poden consultar a programación e os seus posibles cambios de última hora en www.xacobeo.es