Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, formulou hoxe unha pregunta ao Ministro de Política Territorial e Vicepresidente Terceiro do Goberno, Manuel Chaves,relativa á introdución de novas variábeis, ademais do criterio de poboación, á hora de distribuír entre os concellos as partidas económicas que lles corresponderán ao abeiro do Fondo de Investimento Local do vindeiro ano 2010.
O senador do BNG formulou esta pregunta ao Ministro de Política Territorial na sesión de control ao Goberno celebrada hoxe no Pleno do Senado.
Deben terse en contra outras variábeis e non só a da poboación total
O Fondo de Invenstimento Local para o 2010 está dotado de 5.000 millóns de euros, e está destinado a investimentos en proxectos de sustentabilidade ambiental, tecnolóxicos e para centros sociais, especialmente relacionados coa dependencia.
Ao senador do BNG preocúpalle que só se utilice a variábel de poboación total para facer a distribución destes fundos, tal e como se fixo co Fondo deste ano. O territorio galego ten unhas características específicas que se deberían ter en conta e polo tanto, afirma, habería que ponderar a variábel de poboación con outras variábeis como a dispersión xeográfica ou o envellecemento.
Pérez Bouza cualificou de “inxusto” este reparto xa que prexudica gravemente os intereses dos concellos galegos ou outros territorios con características semellantes como Castela e León.
O Ministro de Política Territorial e Vicepresidente Terceiro do Goberno, Manuel Chaves, afirmou na súa resposta ao senador nacionalista que “ o goberno seguirá mantendo o criterio de poboación para o reparto do Fondo de Investimento Local aos concellos” porque -dixo- este foi o criterio aceptado pola Federación Española de Municipios e Provincios e cambiar as variábes sería moi complicado e difícil a hora de distribuir o fondo a 8000 municipios do territorio español.