Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, pide ao presidente do PP de Galiza e titular do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, que “dea explicacións” á sociedade galega sobre a implicación do PP galego no caso Gürtel.
En declaracións á web do BNG, www.bng-galiza.org, o líder nacionalista afirmou: “No canto de lle pedir explicacións el a Camps, o que debería facer Feijóo é darllas el á sociedade galega”.
“A sociedade galega ten dereito a saber dúas cousas. Primeiro, até que ponto o PP galego estivo enleado na trama Gürtel durante o período en que foi o seu secretario de Organización, Pablo Crespo. Segundo, é preciso sabermos se a día de hoxe, o PP galego está en condicións de asegurar que non mantén nengún tipo de vínculo con esa trama de financiación irregular”, afirma Guillerme Vázquez.
“Feijóo non pode actuar neste asunto como se non fose con el. El é o máximo dirixente do Partido. Tería que abrir unha investigación interna e depurar responsabilidades ao nível que fose”, engade o portavoz nacional. “A sociedade galega ten dereito a saber até que ponto estaba implicada a organización do PP. Que outros dirixentes coñecían os manexos de Pablo Crespo?”, pergúntase o portavoz nacional.
Ao líder nacionalista chámalle moito a atención que perante o “escándalo social” que están a desatar as revelacións xudiciais sobre o caso Gürtel o presidente do PP, Mariano Rajoy, “non tome nen unha soa determinación política á hora de que o seu partido asuma responsabilidades”.
“A atitude de Rajoy é inconcebíbel nunha democracia avanzada onde sempre se deslinda o terreno da responsabilidade política do da responsabilidade xudicial ou, no seu caso, penal. A posición de Rajoy é dunha debilidade estrema, cando non de connivencia política co señor Camps e demais implicados na trama”, valora Guillerme Vázquez.