06 octubre 2009

Deputación de Ourense e Política Lingüística unen esforzos

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, realizou hoxe a súa primeira visita institucional á Deputación de Ourense, onde foi recibido polo seu presidente, José Luis Baltar. Durante a reunión que mantiveron durante a mañá, Lorenzo e Baltar expresaron o seu interese na posibilidade de establecer unha colaboración entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Deputación de Ourense para desenvolver conxuntamente iniciativas que incidan na promoción do uso da lingua galega.

Outros dos temas que abordaron durante o seu encontro foi a futura rede de dinamización lingüística local. O responsable da secretaría xeral informou a Baltar sobre o proxecto de creación da rede de dinamización lingüística local que está a desenvolver Política Lingüística.

A Rede de dinamización lingüística local
A Secretaría Xeral de Política Lingüística, consciente da necesidade de promover a coordinación en materia de dinamización lingüística entre as diferentes entidades, está a desenvolver medidas para aumentar a efectividade das actuacións dinamizadoras desde o ámbito local. Con este obxectivo, a secretaría xeral está a traballar para poñer en marcha a Rede de dinamización lingüística local.

A través desta rede, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo pretende consolidar a colaboración e a acción conxunta e coordinada da secretaría xeral e das entidades locais integradas na mesma, que permita o intercambio de experiencias e a suma de esforzos na promoción do uso da lingua galega.

Ata agora, a Administración Autonómica non puxera en marcha iniciativas integradoras das actuacións sociais que, en materia lingüística, levan a cabo diferentes entidades. O impulso do labor coordinado e planificado en rede coas distintas entidades promotoras da revitalización da lingua galega permitirá unha optimización do investimento e dos recursos, así como un efecto multiplicador da capacidade de servizo social.