Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O portavoz nacional, Guillerme Vázquez, e o portavoz no Congreso, Francisco Jorquera, compareceron esta mañá na Sede Nacional para fixar a posición do BNG perante o proxecto de lei de Orzamentos Xerais do Estado.
Francisco Jorquera avanzou que neste momento “traballamos sobre a hipótese de apresentarmos unha emenda á totalidade” e nese mesmo sentido Guillerme Vázquez dixo que “a día de hoxe, estamos moito máis lonxe do si aos orzamentos que do non”.
Porén, ambos enfatizaron que o BNG vai empregarse a fundo na negociación co grupo parlamentar socialista e co propio Goberno do Estado para conseguir “melloras significativas” nos orzamentos que eventualmente puidesen levar ao BNG a apoialos. Jorquera non negou, en todo caso, que se sentía escéptico ante a hipótese de o Goberno do Estado ter vontade de introducir esas “melloras significativas”.
O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, criticou o papel xogado polo presidente da Xunta até este momento no proceso de elaboración dos orzamentos do Estado. “Está a actuar como presidente do PP galego, non como presidente do Goberno. Conviría que antes de o Goberno aprobar os orzamentos do Estado, o presidente da Xunta plantexase algo en concreto sobre as necesidades deste País. Non o fixo”, dixo. Non o fixo porque, como adoita, Feijóo actúa como se non tivese nengunha responsabilidade en nengún dos asuntos que afectan o noso País.
O líder do nacionalismo galego foi máis alá ao afirmar que o aval que dá o presidente da Xunta ao ministro de Fomento é un aval politicamente interesado. “Feijóo defende a Blanco para defenderse a si mesmo, para que non fique en evidencia o que denunciou o BNG desde un principio, que o Acordo do Obradoiro era un Pacto Fraude. Iso agora é unha evidencia. El non negociou nada con Madrid. Simplesmente dixo si ao que lle puxo por diante. E agora todo o mundo pode ver que nada do que se asinou se vai cumprir”, afirmou Guillerme Vázquez.
Criticou tamén o “duplo xogo” do PP en materia de infraestruturas. “Xa abonda destes
xogos. Critican os investimentos de Fomento en Madrid os deputados galegos eleitos por Galiza e logo vai o presidente da Xunta e avala o que fai Blanco, isto é, avala a redución dos investimentos no noso País”.
Na súa intervención perante os xornalistas, Francisco Jorquera anunciou que o día 14 de Outubro o BNG manterá unha reunión co grupo parlamentar socialista para dar comezo formalmente á negociación orzamentaria, se ben explicitou que, mesmo antes de seren elaborados polo Goberno, quer o grupo parlamentar do PSOE quer o propio Executivo xa eran coñecedores dos criterios que a xuízo do BNG debían informar estes orzamentos e “cales as liñas vermellas que en nengún momento se podían traspasar se se tencionaba ter o noso apoio”.
Jorquera enunciou os criterios que irán rexir as emendas que o BNG vai defender a este proxecto de orzamentos. “Imos ser enormemente exixentes na demanda de cambios na política fiscal, de maneira que se garanta un reparto equitativo da carga, se introduza progresividade e non se aposte pola tributación indirecta. É preciso que non se cargue a presión sobre as rendas baixas e medias e si sobre as altas”, esclareceu ao tempo que denunciou que, contra o que sostén a propaganda do PSOE, o gasto social diminúe nos orzamentos “se descontarmos o gasto para a cobertura das prestacións polo desemprego”. O BNG, en troca, demandará un incremento dese gasto social tamén para, mediante estímulos fiscais, mellorar a situación do sector lácteo galego, das comunidades de montes ou dos traballadores autónomos.
A respecto da política de investimentos, o BNG defenderá unha mellora quer cualitativa quer cuantitativa. “Non podemos asumir que por vez primeira nunha década os investimentos decrezan en Galiza, e non podemos asumir que do ponto de vista cualitativo se abra a vía de que no AVE a Galiza se vaia alternar treitos de vía convencional con treitos de alta velocidade”, dixo Jorquera. Esa vía ábrese agora a teor de que só se orzamenten 40 millóns de euros para o treito Lubián-Ourense. “A incerteza é total cando ademais se nos di que se está á espera de conseguir un préstamo do Banco Europeu de Investimentos”, argumenta o portavoz nacionalista na Cámara Baixa.
O ministro de Fomento, alerta Jorquera, está a flirtear coa idea de “implantar trens rápidos” -isto é, non AVE- que podan circular quer por as vías de alta velocidade quer polas convencionais, de maneira que “durante un tempo indefinido” se alterne unhas e outras.
“Inquieta que se aposte pola redución de tempos entre Galiza e Madrid e por tanto se estea a planificar non a conclusión da liña AVE en toda a súa integridade, senón o aproveitamento de tramos de vía convencional até un horizonte indefinido”, dixo, e enfatizou que ese horizonte xa é, segundo os propios orzamentos, o 2016, “co cal fica en evidencia o carácter fraudulento do pacto Feijóo-Blanco.
Ao tempo, a rede ferroviaria interior fica “totalmente desatendida” e nun estado máis propio “de comezos do século XX do que de comezos do século XXI”.
“CANTO NOS ESTÁ A CUSTAR A PRESENZA DAS TROPAS EN AFGANISTÁN?”
O portavoz nacional afirmou que estes orzamentos “non nos van servir para saír da crise” e defendeu o criterio de que se “reduzan os gastos, pero non os investimentos”.
“Non se vai saír da crise reducindo investimentos e aumentando impostos. Hai que reducir gastos que non son socialmente necesarios. Pódese facer. Pensemos nos gastos militares. Alguén sabe canto nos está a custar a presenza de tropas en Afganistán”, perguntouse.