Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O deputado do BNG no
Parlamento Galego, Bieito Lobeira, ven de presentar unha iniciativa na que lle
demanda ao Goberno Galego que adopte medidas, tanto por iniciativa propia,
como ante o Goberno Español para minimizar os riscos de contaminación
mariña procedentes do pecio do Prestige.
Lobeira lembra que o último informe trasladado pola empresa petrolífera
REPSOL-YPF ao Goberno español en relación co estado do pecio tras a última
inspección realizada “indica que cada día se verten entre 20 e 50 litros de fuel”.
Advirte de que, segundo a mesma empresa, “aínda fican 400 toneladas de
hidrocarburos nos tanques de proa, e outros 700 na popa”.
Ademais, lembra que “outro informe elaborado no ano 2004 alertaba do risco
de corrosión e perforacións nos tanques como consecuencia da deteriorización
estrutural dos restos do Prestige, que podería provocar a saída de máis de
1.0000 toneladas actualmente almacenadas no pecio”.
Neste sentido, o deputado do BNG defende que “á vista da situación, é
necesario demandar ao Goberno español o establecemento dun seguimento
sobre o estado do pecio, que debera incluír tanto a sistematización de
operacións no lugar do afundimento, como a realización periódica de
inspeccións submariñas”.