01 octubre 2009

El periodista López Barxas (ahora metido a político) apuesta por la Banda Diseñada

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O Goberno galego, a través das consellerías de Traballo e Benestar e Cultura e Turismo, colaborou co financiamento e organización das Xornadas da Banda Deseñada Galega en Ourense. Por unha banda, a Dirección Xeral de Xuventude sufragou o 80% do custe total desta iniciativa (o departamento autonómico destinou 8.000 euros e o Concello de Ourense un total de 3.000) e por outro lado, a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura apoiou a actividade coa programación do auditorio municipal das exposicións Viñetas descubertas-Certames galegos 2000-2008 e Miña Terra Galega, que están a iniciar a súa itinerancia polos concellos de Galicia despois do seu paso polo Salón do Cómic de Barcelona.

Ademais, o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, corroborou na inauguración das XXI Xornadas de Banda Deseñada de Ourense, o “compromiso especial” que a Consellería de Cultura e Turismo ofrece ao cómic galego.

Na súa intervención, Francisco López comprometeu asemade o apoio e a colaboración da Consellería de Cultura e Turismo “no desenvolvemento e potenciación” nas próximas edicións das Xornadas de Banda Deseñada e do Outono Fotográfico de 2010. Nesta liña de traballo, Francisco López recordou que a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura creará, por primeira vez en Galicia, 5 bolsas destinadas aos ilustradores cun valor total de 30.000 euros, co obxectivo de promover esta arte minoritaria pero con tradición de décadas en Galicia, para que se poda apreciar o importante auxe que a banda deseñada está a vivir nos últimos anos.

Ademais, na inauguración das xornadas fíxose entrega dos premios de banda deseñada. A Dirección Xeral de Xuventude aportou 5.500 euros para os galardóns. Así, o primeiro premio, dotado con 3.000 euros, recaeu en Brais Rodríguez Verde, pola obra "Os Mortos". O segundo galardón de 1.500 euros foi para Diego Campos Omil, polo cómic "Tempada de cogomelos" e o terceiro con 1.000 euros para Laura Velasco Vázquez, pola creación titulada "O derradeiro baile”.


Por outro lado, Bruxelas acolle desde hoxe a exposición Galicia 2009, Tempo de BD, unha mostra retrospectiva co mellor da banda deseñada da nosa Comunidade a través de 70 láminas de ilustradores galegos contemporáneos. Esta iniciativa é froito da colaboración entre a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Consellería de Cultura e Turismo, promotora da exposición, e a Fundación Galicia Europa.

Exposicións itinerantes
Tanto as exposición Viñetas descubertas-Certames galegos 2000-2008 como Miña Terra Galega supoñen unha escolma do mellor do cómic galego dos últimos anos e tiveron unha magnífica acollida na pasada edición do prestixioso Salón Internacional do Cómic de Barcelona, ao que Galicia acudiu en calidade de comunidade convidada cun stand oficial.

A exposición Viñetas descubertas- Certames galegos 2000-2008 é unha panorámica da obra realizada polos autores gañadores dos galardóns máis importantes destes últimos anos en Galicia. Inclúe unha representación do traballo de Marcos Calo, Mariano Casas, Cosme, Jano, Juan Luis Pérez, Martín Romero, Antonio Seijas, David Rubín (encargado da elaboración do cartel oficial de Ficomic 2009) e Jacobo Fernández.

Doutra banda, a mostra Miña Terra Galega resume a visión de oito dos nosos creadores mais destacados actualmente en activo na nosa terra sobre os tópicos, verdades comunmente asumidas e temas relacionados con Galicia, desde os máis ou menos socorridos como a choiva, a paisaxe ou o marisco ata os menos tratados, como a música ou as fantasías populares. Diego Blanco, Manel Cráneo, José Domingo, Alberto Guitián, Emma Ríos, Kiko da Silva, Iván Suárez e Alberto Vázquez son os autores representados na mostra a través de historietas de cinco páxinas creadas expresamente para o certame de Barcelona.

Estas dúas mostras percorrerá as catro provincias galegas nos vindeiros meses. Xa puido visitarse na localidade de Taboada e permanecerá en Ourense ata o 19 de outubro. A continuación, a exposición poderá visitarse nas localidades de Arzúa (A Coruña) do 19 ao 30 de outubro, Quiroga (Lugo) do 2 ao 16 de novembro, Chantada (Lugo) do 16 ao 30 de novembro, A Teixeira (Ourense) do 1 ao 15 de decembro e Vilar de Barrio (Ourense) do 15 ao 30 de decembro.