06 octubre 2009

Epístola de Feijóo en Bruselas sobre cómo defender el sector del automóvil

BRUSELAS (MORRAZO-TRIBUNA).- O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe por mellorar a eficiencia e a eficacia do sector do automóbil europeo e por manter a necesaria simbiose entre o mercado e os estados co fin de gañar en competitividade, un asunto no que comprometeu a máxima implicación e participación da comunidade galega. “Galicia quere estar na primeira liña da batalla pola defensa do sector do automóbil en Europa e, en consecuencia, o Intergrupo da Crise do automóbil no que me honro participar, ha de ser un catalizador desta mensaxe que, alta e clara, ha de chegar aos Estados membros e ás institucións da Unión, para que a nosa industria teña ao menos un futuro tan glorioso como brillante ten sido o seu pasado”.

Na súa intervención no marco da xuntanza do Grupo Interrexional que abordou os problemas actuais do sector automobilístico europeo -presidido por Jean-Yves LeDrian, e do que Feijóo é vicepresidente-, o titular da Xunta aludiu á aposta pola formación e a innovación do grupo automobilístico chino Geely -que triplicou o seu cadro de enxeñeiros e promoveu a creación da súa propia universidade tecnolóxica para conquistar o mercado automobilístico de baixo custo nos países en vía de desenvolvemento-, para insistir na necesidade dunha reflexión profunda sobre o sector automobilístico europeo.

“Os gobernos e as empresas deberán ir máis alá nas súas reformas e nas súas estratexias. Deberán reconsiderarse as políticas de innovación, deslocalización, especialización en partes con alto contido tecnolóxico”, sinalou o mandatario galego incidindo en que debemos asumir que o tempo europeo para a toma de decisións non é o mesmo que o dos nosos competidores globais. “A globalización mantén unha cadencia que non se compadece cos tediosos procedementos administrativos. Por conseguinte –explicou-, debemos mellorar canto antes a nosa eficiencia e eficacia para así adaptar as nosas políticas públicas no sector industrial e de servizos”. Neste contexto destacou a necesidade de compartir as mellores prácticas, intercambiar experiencias e traballar en rede como as estratexias “que debemos implementar en maior medida e con maior intensidade, abríndonos cara novos enfoques”.

Avaliación e revisión periódica do sector
“Desde a política de ordenación territorial ata a formación e capacitación profesionais, todo o relacionado coa competividade da industria do automóbil debe estar sometido a periódica avaliación e revisión”, argumentou Feijóo. Neste sentido, indicou que non se lles pode pedir aos traballadores e aos equipos directivos da industria que manteñan unha permanente actitude proactiva e de adaptación se a administración, pola súa banda, non é capaz de facer un esforzo. “Debemos mellorar os procesos co horizonte posto na máxima eficacia”, enfatizou lembrando que "sen esta simbiose entre o mercado e o Estado, a probabilidade de que as empresas europeas do sector do automóbil gañen a batalla se reducirá notablemente”.

“Por desgraza, os posteriores lamentos non servirán para recuperar o perdido”, asegurou, aludindo a que a experiencia noutros sectores como o caso da siderurxia ou a construción naval así o demostran. Feijóo referiuse ao axuste realizado pola Comunidade Económica Europea nos anos 80 e 90 da capacidade de produción dos seus estaleiros, da cal, lembrou, “Galicia foi unha das rexións europeas máis damnificadas”, e ao significativo repunte da demanda mundial de buques e instalacións navais que se ten producido no último decenio. Pero para entón, destacou, “Europa non só se desprendera das infraestruturas produtivas, senón tamén dos seus traballadores cualificados e dos equipos técnicos. O resultado foi claro: Europa quedou postergada no reparto dos beneficios desa nova demanda, a pesar de que moitos dos encargos procedían de firmas europeas”, subliñou.

O presidente galego incidiu na necesidade de que isto non se volva repetir no sector automobilístico europeo. “Non podemos rendernos preventivamente. Non debemos aceptar que o sector do automóbil é xa demasiado maduro e que, polo tanto, cabe sacrificalo sen máis ante os desafíos actuais”, aseverou.

A experiencia galega
No marco da xuntanza desta tarde, o titular da Xunta argumentou que a actual crise da industria do motor ten unha clara orixe financeira; pero “non nos enganemos”, advertiu, salientado que baixo a superficie tamén existen ameazas de carácter estrutural que se deben afrontar con medidas tamén estruturais. “Esta é unha crise esencialmente de oferta e aí é onde debemos poñer o noso esforzo”, matizou, afirmando que as dificultades se deben converter “en oportunidades” e en que Europa “ten que reaccionar ante o novo escenario internacional”.

Feijóo puxo como exemplo de adaptación ao cambio á industria automobilística galega, que vén realizando “un extraordinario esforzo” neste sentido, obtendo melloras “marxinais” en termos de calidade e eficiencia. Destacou a posta en marcha do Clúster do Automóbil, ”moi competitivo no contorno de Vigo, a nosa cidade de referencia para o sector, onde tamén se sitúan as enxeñerías que teñen maior relación con esta industria”, concretou.

Incremento de matriculacións
Pero, pese a todo, “as medidas adoptadas non son suficientes para poder competir nun contorno que evoluciona a gran velocidade”, matizou, remarcando que por iso o Goberno galego, en sintonía cos axentes do sector, se esforza permanentemente por mellorar os nosos indicadores. “Non aceptamos unha actitude pasiva nin consideramos inevitable e sobrevida a competencia foránea”, subliñou, lembrando que, dado o extraordinario da actual situación económica o Executivo autonómico adoptou nos últimos meses decisións que deron resultados satisfactorios, como o plan de axudas autonómicas directas para fomentar a compra de vehículos, que se fixeron extensivas para os autónomos –a diferenza das axudas estatais- ao incluír tamén os vehículos industriais. Os froitos destas políticas son visibles, explicou o xefe do Executivo autonómico resaltando que Galicia, xunto con Navarra, lideran o incremento de matriculacións no último ano (un incremento do 20% respecto ao ano anterior no caso galego) e que a Citröen será o único dos grandes fabricantes que pecharán o ano sen activar un expediente de regulación de emprego.