05 octubre 2009

Epístola de Feijóo a los emigrantes en Bélgica

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-“Queremos lanzar unha nova modalidade de influencia na Unión e nas súas políticas, operando máis en rede que como grupo pechado, promovendo os intereses xerais galegos, fundamentándonos nun consenso máis amplo dos noso actores sociais e dos persoeiros máis relevantes da nosa Comunidade en cada materia”. Así o manifestou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante o encontro cos representantes da colectividade galega que mantivo esta tarde en Bruxelas. “O que desexamos é que Galicia conte e sexa atendida nas políticas públicas europeas como lle corresponde, por status, entidade e historia”, explicou.

“En política hai que optar e priorizar”, subliñou o presidente galego, quen destacou a relevancia de facer valer os intereses galegos remarcando a necesidade de facer chegar ás administracións, sobre todo as máis complexas, “toda a información relevante, disecionando os problemas, as súas solucións e as súas alternativas desde máis dun enfoque”. “Non facelo así cando outros o fan suporá unha rendición, un abandono gratuíto e inconsciente do terreo de xogo europeo”, engadiu Feijóo.

Neste sentido, o presidente da Xunta convidou á colectividade galega a constituír “unha coalición civil de ampla base” para que Galicia “sexa oída en Europa, sexa considerada en Europa, e inflúa en Europa”. “Pretendemos, por tanto, facer presente no debate continental as prioridades, necesidades e aspiracións de Galicia, atinxir unha auténtica ‘axenda galega’ das políticas públicas galegas”, engadiu Feijóo.


Defensa dos intereses de Galicia e de toda Europa
O mandatario galego puxo como exemplo a nosa defensa dun determinado modelo de Política Agrícola Común, un sistema baseado nunha estrutura produtiva compartida “por non poucas rexións atlánticas”. “Pero, doutra volta, cremos que tamén é unha defensa europea, porque consideramos que a promoción da seguridade alimentaria na Unión, tanto en canto á salubridade dos suministros, como á regularidade dos mesmos e a súa certidume, é algo indispensable para Europa como actor global”, salientou.

Neste sentido, Feijóo cualificou de “perigosa” a dependencia alimentaria europea, “tanto ou máis que a enerxética”. “Desde xeito, o vital para Galicia demóstrase non menos vital para a Unión Europea e para o conxunto dos seus cidadáns”, engadiu.

Unha rede aberta que fomente a proxeción de Galicia
O presidente da Xunta remarcou, no transcurso da súa intervención, que a idea de crear unha rede de intereses galegos en Bruxelas non se limita unicamente ao ámbito político. “Esta rede de intereses nace coa vocación e a intención de unir aos galegos aquí representados, de ser unha ferramenta de proxección de Galicia e a súa realidade na capital de Europa, en todos os ámbitos, en sentido extenso, e aberta a todos e todas, con independencia da súa ideoloxía, orixe ou procedencia”, explicou.

Neste sentido, o mandatario galego loubou os Debates Galicia- Europa da Fundación Galicia Europa como o xeito de trasladar a Bruxelas a nosa visión de Europa, pero tamén de facilitar a Galicia e a súa sociedade civil “a posibilidade de albiscar desde este privilexiado outeiro e con antelación abondo os cambios que se aveciñas”. Ademais, o presidente da Xunta animou á colectividade galega a participar nos actos culturais que se celebrarán na capital europea co gallo do Ano Santo.

“Galicia atopou no Camiño de Santiago o seu primeiro vínculo con Europa. O vindeiro Ano Xubilar Compostelán representa unha oportunidade excepcional para que todos estes obxectivos estratéxicos, que trascenden a un goberno determinado, poidan acadarse”, concluíu.