BRUSELAS (MORRAZO-TRIBUNA).-“O Ano Santo é a mellor carta de presentación posible para darlle a Galicia a dimensión internacional que merece, porque o fenómeno Xacobeo é un ben que ten en Santiago e en Galicia o seu epicentro, pero que é patrimonio de toda Europa”. Son as palabras do titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que xunto co presidente do Parlamento Europeo, Jerzy Buzek, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, inauguraron esta tarde en Bruxelas a exposición fotográfica Olladas no Camiño de Santiago. Xacobeo 2010, unha mostra do patrimonio arquitectónico e da paisaxe natural e humana das rutas xacobeas.
“Galicia e o Xacobeo son, sen dúbida, unha realidade conxunta e queremos que o próximo ano esa realidade se mostre viva”, sinalou o mandatario autonómico incidindo en que o obxectivo principal da Xunta é que o Ano Santo sexa un espazo “de encontro espiritual, cultural e turístico” porque sen dúbida isto “favorecerá notablemente a expansión e difusión da imaxe de Galicia como terra de acollida e meta do turismo cultural”.
Consensuar o futuro, transformar ideas en feitos e camiñar con honradez
Feijóo relatou, ademais, que a nosa rexión se define e funda contemporaneamente “sobre os cimentos do galeguismo cordial” e que precisamente “consensuar o futuro respectando as identidades que necesariamente un país coma o noso aglutina, transformar as ideas en feitos e camiñar con honradez cara ao futuro”, é o horizonte “de cara á celebración do próximo Ano Santo”.
Na mesma liña, o mandatario galego destacou que a Xunta traballa para introducir elementos que garantan a sustentabilidade do Camiño e eviten a súa degradación patrimonial e ambiental. “Debemos lograr o equilibrio entre os valores de modernidade e confort turístico e o respecto pola esencia da peregrinación como fenómeno relixioso e espiritual en vigor para millóns de persoas en todo o mundo”, apuntou incidindo en que é necesario traballar nesta senda “se queremos que as fermosas e emotivas fotografías que hoxe vemos como parte do próximo Ano Santo Xacobeo sexan o legado de mañá para os nosos fillos”.
Unha historia “aberta a Europa”
Na súa intervención, Alberto Núñez Feijóo lembrou o vínculo existente entre a ruta xacobea, Galicia e a conformación de Europa: “o Camiño de Santiago foi, é e será un compacto piar da construción europea”, aseverou. Subliñou, ademais, que todos os pobos atesouran unha historia que os define e sitúa, e que a de Galicia é a dunha historia “aberta a Europa”.
Destacou, ademais, que a pesar de que os mapas sitúan a comunidade galega “no extremo de Europa”, a historia, a vocación e a cultura a sitúan “no corazón do continente”. Feijóo fixo a mesma comparación con Polonia –país do que procede o presidente do Parlamento Europeo- que, dixo, “tamén sufriu unha inxustiza cando por pereza ou ignorancia era situado na Europa do Este”. “Polonia sempre estivo no centro de Europa, por enriba de avatares sempre pasaxeiros. A súa Galitzia e a nosa Galicia non deixaron de estar presentes nas grandes encrucilladas que nos teñen traído ata aquí”, sinalou dirixíndose a Jerzy Buzek.
O presidente galego abondou en que os dous territorios, Polonia e Galicia, tamén fixeron unha achega “similar” porque Europa “é un conxunto de valores, crenzas e devocións que permiten que haxa entre nós unha comunicación profunda, espiritual, que as linguas non poden entorpecer”. “Este conxunto de valores herdados dos nosos antepasados e cultivados con tolerancia están nos cimentos do proxecto europeo; por iso, Europa como proxecto político estivo incompleto ata que Polonia, España, Galitzia e Galicia non se reicorporaron á gran corrente europeísta”, argumentou.
“O centro de Europa está aquí, en Bruxelas, pero tamén no último pobo polaco ou galego. He aí a grandeza desta Unión que estamos configurando”, insistiu Feijóo remarcando que ningunha distancia xeográfica, nin ningún muro “impediron que a peregrinaxe europea acabase en xubileo”.
Olladas no Camiño de Santiago
A mostra fotográfica inaugurada hoxe remítenos, como indicou Feijóo, “en primeiro e en último termo á ruta xacobea: un fenómeno histórico denso e intenso; unha realidade patrimonial sumamente complexa e rica; un evento que revitalizou e aínda hoxe revitaliza os territorios que atravesa; e un camiño simbólico asociado ás orixes remotas do apostolado cristián e á configuración europea”.
Olladas no Camiño de Santiago. Xacobeo 2010 recolle as imaxes de catorce fotógrafos de toda Europa, que realizan unha proposta estética “singular” na que amosan como entenden e perciben cada un deles o Camiño, conformando, no seu conxunto, “un relato plural sobre a experiencia humana, espiritual e relixiosa da peregrinación a Santiago de Compostela”, en palabras do presidente galego.
“Na exposición a paisaxe natural, o patrimonio arquitectónico e sobre todo a paisaxe humana son capturados polas cámaras lúdicas dos fotógrafos”, indicou Feijóo subliñando que dentro da heteroxeneidade que propón a mostra, as instantáneas logran representar “partes esenciais do Camiño entendido como espazo único para a aprendizaxe vital”.
O presidente da Xunta non quixo rematar a súa intervención sen convidar a todos os europeos “a defender, a promover e, sobre todo –dixo- a vivir o Ano Santo”.
Encontro Presidente Parlamento Europeo
Feijóo reuniuse, antes da inauguración, co Presidente do Parlamento Europeo e entregoulle un informe de temas relacionados con Galicia e da preocupación da situación dos barcos no Indico. Por outra banda, Jerzy Buzek confirmou a súa presencia en Galicia no Xacobeo