06 octubre 2009

Elogios de la conselleira de Pesca a Conxemar

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A conselleira do Mar, Rosa Quintana, resaltou o “importante papel” que desempeña Galicia en Conxemar, representada a través de 150 expositores. Nesta feira, considerada a cita mundial do peixe conxelado, Galicia representa o 40% da presenza española e máis dun 20% da total o que, para a conselleira, “pon de manifesto a potencia do sector conxelador galego.”

Durante os tres días da feira danse cita no IFEVI de Vigo un total de 536 stands de 32 países de todo o mundo. Dos 383 españois, 150 son galegos, polo que a titular de Mar considera que “Conxemar é unha feira internacional de marcado carácter galego”. A conselleira do Mar fixo estas declaracións durante a súa visita á feira dos conxelados, un sector que move arredor de 3.000 millóns de euros ao ano e xera arredor de 8.000 postos de traballo directos.

Colaboración da Xunta

A Consellería do Mar participa nesta feira cun stand de 100 m2 no que ao longo destes días se manterán encontros de carácter empresarial e profesional na procura de potenciar o desenvolvemento do sector e fomentar encontros entre empresas. No stand poténciase a presenza de varias asociacións e entidades como o Consello regulador do Mexillón de Galicia, CECOPESCA e mailas cinco Autoridades Portuarias de Galicia: Vigo, A Coruña, Vilagarcía, Marín e Ferrol-San Ciprián.

Ademais, a Xunta colabora coa feira, a través da Consellería do Mar, cun importante convenio por un importe de 140.000 euros para a promoción dos produtos pesqueiros, un dos obxectivos fundamentais das liñas a seguir dende a Consellería.