06 octubre 2009

Guerra exalta el informe GEM como “unha ferramenta útil para facer unha análise realista da situación económica galega”

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra Fernández, participou hoxe no acto de presentación do informe Global Entrepreneurship Monitor (GEM 2008) que se desenvolveu na sé da Confederación de Empresarios de Galicia, e defendeu a utilidade deste estudo como “unha ferramenta útil para facer unha análise realista da situación económica galega” que confirma o axeitado das políticas anticrise activadas mediante o Plan de Choque da Xunta. O responsable do departamento económico do Goberno Autonómico fixo estas declaracións durante a súa intervención antes da presentación técnica do proxecto, un observatorio internacional da actividade emprendedora que ten como principal obxectivo medir, comparar e analizar a devandita actividade en relación co desenvolvemento económico.

O GEM 2008, no que participan a Consellería de Economía e Industria, a través de BIC Galicia, a Consellería de Traballo, a Confederación de Empresarios de Galicia e a Universidade de Santiago, elaborouse a partir da realización de enquisas, e un grupo de 36 expertos ten analizado os resultados das diferentes medicións, sendo o índice TEA (Total Entrepreneurial Activity Index) ou nivel de emprendemento o dato máis interesante que proporciona este estudo.

O conselleiro de Economía e Industria sinalou que o TEA ten descendido case 2 puntos (1,9%) con respecto ao informe de 2007, e sitúa a actividade emprendedora no 7,49% da poboación de 18 a 64 anos. Aínda así, os datos referentes a Galicia sitúan á Comunidade entre as zonas máis emprendedores de España e da Unión Europea, con orientación á innovación.

Guerra Fernández salientou que o GEM 2008 indica un aumento do 11,32% no número de galegos que manifestaron o seu desexo de emprender nun horizonte de tres anos. Esta cifra, aclarou, vese respaldada polo notable incremento dos índices de participación nas accións formativas que leva a cabo BIC Galicia, dependente da Consellería de Economía e Industria, e das que se extrae que o 79% dos alumnos dos seminarios de creación empresarial aseguraron que tiñan unha idea emprendedora e querían poñela en marcha.

Para ofrecer unha resposta real a todos os emprendedores, o conselleiro de Economía e Industria esgrimiu que o novo Goberno da Xunta vén de poñer en marcha máis de 40 medidas anticrise e investimentos de 1.200 millóns de euros no Plan de Choque co obxectivo de reactivar a economía de Galicia. Guerra Fernández recordou que para evitar os atrancos máis salientables para a creación de empresas, como é “a falta de apoio financeiro”, que actúa como “unha barreira para a creación de empresas”, tal e como recolle textualmente o GEM 2008, o seu departamento activou xa as liñas de avais re-Brote e re-Solve, coas que se mobilizarán 400 millóns de euros en operacións de créditos orientadas ao financiamento do circulante das empresas.

Guerra Fernández explicou que a Xunta anticipouse ás conclusións do GEM 2008, que solicita axilizar e simplificar os trámites administrativos para dinamizar a creación de empresas, posto que a Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, ten na rapidez, na eficacia e na sinxeleza administrativa os tres piares básicos do seu funcionamento, que xa ten amosado no plans re-Móvete e no re-imaXina, e que agora vai aplicar nos re-Brote e re-Solve.

Compromiso renovado coa I+D+i
Ademais, o conselleiro de Economía e Industria reafirmou, na súa intervención, a “aposta firme” da Consellería de Economía e Industria coa I+D+i. Segundo os datos aportados polo GEM 2008, dentro do grupo das iniciativas empresariais novas é onde máis aumentou o número de empresas innovadoras. O conselleiro recoñeceu que os datos sobre innovación revelados neste estudo do 2008 son mellorables, e explicou que cómpre facer políticas centradas no desenvolvemento da I+D+i para consolidar un modelo económico “solvente” e “con futuro” en Galicia. Neste sentido, recordou que a Consellería de Economía e Industria leva investidos máis de 100 millóns en I+D+i en 5 meses, e ten proxectada a creación dunha Axencia Galega de I+D+i e dun Plan Galego de I+D+i.

Guerra Fernández agradeceu “especialmente a actitude emprendedora das mulleres galegas, que conforman o 54% dos nosos novos emprendedores e o 49% dos emprendedores incipientes”. “Unhas porcentaxes –dixo- que indican que nos atopamos no bo camiño cara un futuro prometedor que se desenvolverá nun escenario rexido pola igualdade”.

O responsable do departamento de Economía e Industria da Xunta de Galicia pechou o acto facendo un novo chamamento a todos os emprendedores para que presenten os seus proxectos á Consellería, “porque temos cartos para novos investimentos, e o informe GEM revela que aumenta a poboación que se considera capacitada para levar adiante unha iniciativa empresarial”.