01 octubre 2009

Hernández demanda un pacto polo territorio por riba das ideoloxías

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, remarcou a necesidade dun pacto polo territorio que debe estar por enriba das ideoloxías políticas. Así o manifestou esta tarde na primeira reunión da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, na que participaron os altos cargos da Consellería e representantes dos distintos departamentos da Xunta de Galicia, das Deputacións provinciais e dous alcaldes, como representantes da Fegamp.

Aclarou que a vontade do seu departamento é levar a cabo unha acción política orientada a darlle unha resposta inmediata aos afáns e intereses dos concellos, sen reparar en cores nin en ideoloxías políticas. “Toda a programación e toda a acción se orientará a considerar o territorio e a poboación de Galicia como unha unidade á que debe supeditarse todo esforzo e todas as melloras”, destacou.

O titular de Medio Ambiente manifestou que o acordo acadado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a reforma da Lei do Solo é o camiño a seguir, ao que engadiu que manter un diálogo fluído e unha clara liña de colaboración coas entidades locais é a senda pola que aposta o departamento que dirixe.

Agustín Hernández avanzou que nos vindeiros meses concretaranse tres documentos que indicen de xeito directo na ordenación do territorio e na actividade urbanística das entidades municipais, que son as Directrices de Ordenación do Territorio, o Plan de Ordenación do Litoral e a reforma da Lei do Solo.

Explicou que sobre o Plan de Ordenación do Litoral xa se iniciou unha fase de análise conxunta cos 89 concellos afectados e que se rematará neste mesmo mes de outubro. Posteriormente, procederase a redacción definitiva do documento que se someterá a aprobación inicial.

En canto as Directrices de Ordenación do Territorio estase a analizar as alegacións presentadas, así como o seu procedemento de tramitación, como paso previo a súa aprobación provisional e posterior elevación ao Consello da Xunta.

Recalcou que para a modificación da Lei do Solo estableceuse un foro de traballo coa Fegamp, que deu como froito un importante acordo institucional. Sinalou que a intención do Goberno galego é que esta lei represente un testemuño exemplar da vontade de diálogo, tratando de buscar posturas, coa finalidade de dispoñer dunha norma legal básica para o desenvolvemento de Galicia.

Por último, o representante do Goberno galego instou ás entidades e aos membros da Comisión Superior de Urbanismo a “sumar vontades a prol dun territorio máis harmónico, humanizado e organizado”.

Comisión Superior de Urbanismo
A Comisión Superior de Urbanismo é o órgano colexiado de carácter consultivo en materia de urbanismo. As súas funcións son emitir os informes que con carácter preceptivo veñan esixidos por calquera disposición legal ou regulamentaria e sobre os asuntos que lle someta a consulta o conselleiro de responsable da materia urbanística da Comunidade galega.

Está presidida polo conselleiro responsable do rango e forman parte del os seguintes membros desta entidade: a secretaria xeral de Ordenación do Territorio, que ostenta o cargo de vicepresidenta (con voz e voto); un representante das consellerías de Economía e Industria, Medio Rural, Cultura; da Asesoría Xurídica Xeral, das catro deputacións provinciais, de dous concellos galegos. Tamén forman parte desta comisión catro vocais de libre designación.