01 octubre 2009

Nuevamente, la Xunta saca pecho en lo que es su obligación : atender a los dependientes

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Xunta porá a disposición dos maiores galegos un 37% máis de prazas en centros de día, de atención aos enfermos de alzheimer, e residencias ata finais do ano que vén. O titular da Xunta explicou que este incremento se materializará en 2.000 novas prazas, e destacou o “esforzo sen precedentes” do Goberno galego en materia de Benestar en época de recesión económica.

Feijóo explicou, á saída da reunión do Consello da Xunta, que o aumento de prazas suporá pór en marcha 30 máis á semana durante os vindeiros 15 meses. “Os servizos sociais fanse con diñeiro, non con política”, destacou o presidente galego, quen asegurou que se trata dun “compromiso presupostario” en tempos de crise “que vale a pena subliñar”.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, quen compareceu ante os medios de comunicación xunto ao presidente da Xunta, explicou que as prazas en centros de día aumentarán un 95,8% ao pasar das 871 actuais, ás 1.706 a finais de 2010. No tocante aos centros de atención aos enfermos de alzheimer, Mato explicou que se pasará de 225 prazas a 455, o que suporá un incremento do 102,2%. A conselleira de Traballo salientou, por último, que no que se refire ás prazas residencias, se incrementará a oferta un 22,6%, xa que se sumarán 990 máis ás 4.374 prazas existentes na actualidade. O Goberno galego aumentará o orzamento en preto de 24 millóns de euros para cumprir estes obxectivos.

O presidente da Xunta salientou, no transcurso da súa intervención, o traballo “rigoroso” do seu Goberno no eido do Benestar desde o principio da lexislatura; e destacou as reunións con todos os colectivos que traballan con persoas dependentes, o compromiso de elaborar o primeiro plan integral de discapacidade de Galicia, e a recente aprobación dun incremento do 20% no número de prazas de atención a persoas con algunha discapacidade. “Traballamos no ámbito da dependencia, e cumpriremos co 100% do compromiso electoral de que no ano 2009 16.500 grandes dependentes estean cobrando o que a Lei lles outorga; isto supón un 25% máis do que había no momento do cambio de goberno”, engadiu o presidente da Xunta, quen lembrou que o 21,6% da poboación de Galicia ten máis de 65 anos, o que a converte na terceira máis envellecida de España.

Aforro e mellora de eficacia do parque móbil da Xunta
Feijóo explicou o contido da reestructuración do parque móbil da Xunta previsto polo Goberno galego, e salientou que suporá un aforro de 1,5 millóns de euros a finais do ano 2010, “o 25% do presuposto do funcionamento do parque”. “A austeridade non é unha decisión illada, é un compromiso de lexislatura”, remarcou o mandatario galego, quen asegurou que, esta reestructuración, se fará baixo unha dobre perspectiva: aforrar en tempos de dificultade económica, e mellorar a xestión do parque.

Neste sentido, Feijóo explicou que a Xunta vén de aprobar unha guía de boas prácticas para aumentar o control e aforrar o gasto en mantemento, combustible e peaxes. “Imos asociar cada conductor co servizo que lle supoña un menor desprazamento. O que non ten sentido é que un conductor que traballa nunha provincia se desprace todos os días a outra a buscar un alto cargo, tal e como sucedía ata agora”, afirmou.

Así, o presidente da Xunta explicou que o seu Goberno puxo en marcha medidas de aforro desde o principio da lexislatura, e que só nos dous primeiros meses se rexistrou un aforro neto de 144.000 euros. “O aforro en combustible foi do 32%, e en mantemento, do 11%”, engadiu Feijóo, quen asegurou que a previsión da Consellería de Presidencia é aforrar 450.000 euros a finais de 2009.

Primeira gran depuradora, no Baixo Miño
Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, Feijóo destacou a aprobación por parte do Consello da Xunta de todas as obras necesarias para poñer en marcha a primeira gran depuradora da lexislatura, a de Guillarei, que atenderá a 180.000 persoas nos concellos de Mos, Tui, Salceda de Caselas e Porriño. O presidente galego salientou o “desbloqueo” desta depuradora que se terminou no ano 2005, custou 30 millóns de euros ás arcas públicas, pero aínda non entrou en funcionamento; e avanzou que entrará en servizo antes de que remate o ano.

En materia de infraestruturas, o presidente da Xunta destacou, por último, a aprobación do primeiro centro verde da provincia de Ourense, que se instalará no polígono de San Cibrao das Viñas, e que servirá para facilitar o tratamento dos residuos industriais e aforrar custos ás empresas.