Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- Poñer en marcha un proxecto piloto e pioneiro para crear unha rede de dinamización, coordinación e mellora do comercio retallista e abrir a primeira oficina provincial de comercio para a provincia de Pontevedra. Este son os dous obxectivos fundamentais do convenio que hoxe asinaron o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra Fernández, y el presidente de la Deputación Provincial, Rafael Louzán Abal.
O acordo, que supón a achega de 120.000 euros por parte do departamento autonómico, pon en marcha a coordinación entre as políticas autonómicas e as locais na provincia de Pontevedra para impulsar o comercio, con especial atención aos concellos máis pequenos e con menos medios para desenvolver accións en materia de dinamización social.
Este convenio, tal e como explicou o conselleiro, servirá tamén para sacar adiante accións para a mellora da información, asesoramento e orientación dos comerciantes pontevedreses de forma coordinada entre a Consellería e a Deputación, que se compromete a abrir a primeira Oficina Provincial de Comercio nas súas dependencias.
Esta oficina será a encargada de realizar unha análise DAFO, desagregada por comarcas e concellos sobre a situación do comercio en toda a provincia para identificar as zonas con maiores deficiencias en materia de estruturación comercial, as de relevancia prioritaria e as razóns para a súa priorización, así como as propostas de zonas para o desenvolvemento de actuacións de dinamización e accións de dinamización estruturadas por concellos ou comarcas adaptadas a cada territorio.
A Oficina Provincial de Comercio porá en marcha, en base ao convenio, accións de coordinación cos distintos axentes de dinamización comercial localizados no territorio e levará a cabo as actuacións tendentes á posta en marcha da Rede de Dinamización Comercial (REDIC) resultante desta identificación para o deseño da estrutura da REDIC, na que se terán en conta os territorios urbanos e os territorio de periferia, que serán coordinados pola Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria.