Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O Partido Popular de Galicia lémbralle ao BNG o Goberno bipartito do que os nacionalistas formaban parte conseguiu que Galicia chegase a 50.000 parados máis dos que había a comezos da súa lexislatura: un 25% máis. Con esta afirmación, os populares recrimínanlle ao BNG a pésima xestión do desemprego á que someteu a Galicia en compañía dos socialistas cando dirixían os destinos da Xunta de Galicia, deixándolles como herdanza aos populares cando chegaron ao poder un total de 210.662 parados, a diferenza dos 157.295 parados que lles deixaron os populares no 2005.
Así mesmo, o PPdeG critica que o Bloque avalase prácticas de “maquillaxe” dos datos do paro e, encima, fose cómplice e instigador da contratación a dedo de cargos de varios concellos pertencentes ao seu propio partido e ao PSOE para reducir as cifras do paro.
Ademais diso, os populares tamén lles recordan e lles reprochan aos nacionalistas que avalasen no Congreso a política económica de Zapatero, que agora ten acogotada a España coas enormes cifras de desemprego.
O BNG non pode buscar culpables do desemprego cando eles mesmos foron cómplices da súa mala xestión durante a pasada lexislatura, cando só se preocuparon de que aos seus compañeiros de filas non lles faltase o emprego.
PREOCUPACIÓN POLAS CIFRAS DO DESEMPREGO EN ESPAÑA
Os populares aseguran que están moi preocupados polas cifras que ofrece o desemprego e lamentan que España se siga sumindo máis e máis na crise sendo a única das grandes economías que non é capaz de recuperarse da recesión.
Nesta liña, o PPdeG lamenta a pésima xestión económica de Zapatero e quéixase de que os recursos dos que dispón o Estado, en troques de revertir a situación, vaian agravala aumentando as cargas fiscais e invertindo menos.
O PPdeG é consciente de que a situación é complicada pero tamén destaca que o Goberno galego actual coñece o problema e sabe como solucionalo a diferenza do Goberno central, que primeiro negou o problema e logo non acertou na xestión do mesmo, agravando os efectos da crise en Galicia e en España.