Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, salientou esta tarde na Comisión de Fomento a escasa dotación orzamentaria que para o ano 2010 reciben importantes estradas galegas con “cativas, insuficientes ou nulas partidas”.
A Secretaria Xeral de Infraestruturas e Presidenta de SEITTSA (Sociedade Estatal de Infraestruturas de Transporte Terrestre, comparecía a solicitude do BNG para dar contar das partidas destinadas nos Orzamentos 2010 para as estradas galegas.
Partidas desequilibradas
Jorquera criticou o feito de que as partidas destinadas as estradas galegas “adoecen de desequilibrios importantes. Nas estradas concéntranse os esforzos da A-8 xa que é a que absorbe a maior parte dos investimentos, salvando despois as partidas para a mellora da seguridade vial”.
De maneira xenérica, a responsábel do Ministerio escudouse no argumento de que “os procesos e tramitacións dos proxectos de estradas son dilatados”
En cambio, o deputado do BNG puxo de manifesto que outras estradas importantes reciben partidas cativas e insuficientes. Así nomeou a A-54, Santiago-Lugo, “chama a atención a escasa dotación orzamentaria para o tramo Labacolla-Arzúa, só 2 millóns de euros, e difírese o principal do investimento aos exercicios 2011 e 2012”. Salientou que se trata dun tramo que é prioritario, é o máis próximo e chama a atención a planificación que se fai”.
Tamén enfatizou a pequena dotación para a AC-14 tramo As Lonzas-Zapateira, “o primeiro tramo que é responsabilidade de Fomento só recibe 11 millóns e o groso vai para o 2011. Isto nos fai prever que os prazos se verán sobrepasados no tempo”.
Denunciou a falta de partida para a ampliación da AP-9 ao seu paso por Santiago, “un compromiso asumido polo seu Ministerio e que agora non recibe nada”.
Outra das deficiencias que subliñou é que “apenas hai orzamento para a N-550 que é a vía alternativa sen peaxe á Autoestrada do Atlántico, unha vía moi densa e insegura”. Asemade, mencionou o esquecemento da variante de Ordes, da de Padrón, que fican sen dotación.
“Tampouco hai nada para o corredor San Cibrao-Barreiros, o tramo a executar por Fomento está sen dotación, así como a autovía de Verín a Portugal”, sinalou.
Por último, pedíu á responsábel de Fomento que explique que previsións se manexan para a A-76 Ponferrada-Ourense, “o terceiro acceso á Meseta”, que previsión existe para a A-57 que non está suficientemente dotada. E “aclare a partida dun millón de euros para a conexión da AP-9 co aeroporto de Vigo, porque é a mesma partida que para este exercicio de 2009 o cal indica que non se executou”.
Resposta da Secretaria de SEITTSA sobre as cuestións concretas
A responsábel do Ministerio entrou no concreto nalgunha das cuestións plantexadas polo BNG. Así, dixo que na cuestión da ampliación do tramo da AP-9, “traballamos diferentes alternativas, e está en Orde de Estudo para a Redacción dos proxectos”.
Respeito á falla de partida para o Corredor San Cibrao-Barreiros, indicou que o Estudo Informativo se someteu a Información Pública en xullo deste ano 2009, “agora se están a facer as conclusións do Estudo Informativo”.
No que atinxe á A-76 Ponferrada-Ourense, o Estudo Informativo está en fase de Información Pública, e respeito á A-57, falou do tramo de Barro cuxo Estudo Informativo está licitado, e o resto cos proxectos en redación.