Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-Agustín Hernández reúnese en Mos coa alcaldesa e a plataforma DefendeMos
Onte á tarde, o conselleiro de Infraestruturas da Xunta de Galicia, Agustín Hernández, entrevistouse coa alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e con membros da plataforma DefendeMos para tratar o tema da nova autovía Vigo-Porriño. Na reunión, celebrada no salón de sesións da Casa Consistorial do Concello de Mos, estiveron presentes tamén o tenene de alcalde, Gerardo Alonso, a concelleira de Patrimonio, Ana Rodríguez, e un técnico municipal do departamento de urbanismo, concretamente un arquitecto.
O motivo do encontro foi trasladarlle ó conselleiro a oposición, tanto do Concello coma da plataforma, a que se constrúa unha nova aotovía que pase por Mos e solicitarlle que dende a Xunta se lle requira o Ministerio de Fomento unha copia do proxecto co trazado definitivo, xa que esta información aínda non chegou ó Concello de Mos e polo tanto tampouco puido ser consultada polos veciños afectados. Neste sentido, Hernández comprometeuse coa alcaldesa e DefendeMos a que en canto chegue Dito documento a consellería de Infraestruturas, técnicos autonómicos procederán a analizalo e a elaborar un informe de impacto medioambiental sobre o mesmo, que se lle fará chegar tamén ó Concello. Ademais aseguroulles ós presentes na reunión que intentará axudalos e apoialos ata onde as súas competencias llo permitan, sendo así o primeiro dirixente da Xunta de Galicia que accede a recibilos e escoitalos e sendo tamén esta a segunda vez que se entrevista con eles, xa que a primeira xuntanza se produciu o pasado mes de xuño na delegación da Xunta en Vigo.
O conselleiro quixo deixar claro ademais durante a reunión desta tarde que, de ocupar el antes o seu actual cargo, nunca houbera permitido que se aprobase un trazado coma o previsto para a nova autovía Vigo-Porriño. Asemade recoñeceu que “agora xa é tarde” pero que fará o que poida para axudar ó municipio de Mos.
Tanto Nidia Arévalo como a plataforma DefendeMos manteñen a eliminación da peaxe na autopista AP-9 coma alternativa á nova autovía Vigo-Porriño e opóñense rotundamente ó trazado da Alternativa 5B modificada que é a que actualmente está aprobada. “A alternativa 5B modificada non é aceptable baixo ningún concepto para os veciños de Mos aínda que se lle chegaran a facer cambios no trazado”, sentenciou Arévalo, quen insistiu tamén en solicitar “que por fin se trate a Mos como se merece”; ó que Agustín Hernández respostou coa promesa de que se dirixirá ó Ministerio de Fomento ademais de reunirse co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núnez Feijoo, para expoñerlle o caso e buscar xuntos a mellor solución. A alcaldesa mosense saiu satisfeita da reunión e manifestouse “contenta de que por fin se estea a escoitar ós mosenses dende o goberno autonómico”.
Tren de Alta Velocidade
Agustín Hernández informou tamén esta tarde á alcaldesa e a DefendeMos de que, para que non ocorra o que está a suceder coa nova autovía Vigo-Porriño, dende a consellería que el dirixe se lle esixiu xa ó Ministerio de Fomento que se consensúe cos municipios afectados o trazado polo que transcorrerá o AVE. Proposta que foi aceptada e que será sucedida por vindeiras reunións nos respectivos Concellos con representantes da Xunta de Galicia para estudiar o proxecto.