02 octubre 2009

F-009 promete rebajar el peaje de una autopista que aún sigue en manos del Estado

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a rebaixa da peaxe da AP-53 en canto o Estado a transfira a Galicia, ademais do investimento de 65 millóns de euros na mellora das infraestruturas viarias da comarca do Deza. O mandatario autonómico visitou hoxe Lalín, onde se reuniu con representantes das cooperativas agrarias e dos emprendedores. “Despois das visitas ás sete grandes cidades galegas, a xornada de hoxe supón reiterar o meu compromiso e o de todo o Goberno autonómico coa Galicia interior”, asegurou na súa comparecencia ante os medios de comunicación.

Nela, Feijóo detallou que a rebaixa na peaxe será como mínimo do 25% para os conductores que usen a autoestrada dúas veces ou máis ao día, e superior para os que circulen pola AP-53 varios días á semana. Explicou, ademais, que o Goberno central e a Xunta de Galicia constituíron este mes de setembro unha comisión técnica na que se avaliarán os detalles técnicos deste traspaso á Comunidade Autónoma. “É unha autoestrada que descorre integramente por solo galego polo que, segundo o Estatuto, nos corresponde a súa titularidade”, engadiu.

O presidente galego destacou, dentro do investimento dos 65 millóns de euros, os 5,1 millóns que se adicarán ás obras de reforzo do firme da estrada PO-533 entre Lalín e Alto do Faro, uns traballos que comezarán antes de que remate o ano. Ademais, e dentro das melloras das infraestruturas viarias recollidas no Plan MOVE, salientou a construción dunha vía de altas prestacións entre Lalín e Alto do Faro; o remate da circunvalación de Lalín; e a variante de Rodeiro

Neste mesmo sentido, Feijóo explicou que o MOVE inclúe a proposta da Xunta de Galicia ao Ministerio de Fomento para a construción dunha autoestrada entre Pontevedra- Cerdedo- Lalín- Lugo, “que vertebre o interior das provincias de Pontevedra e Lugo”; ademais doutra autoestrada entre Chantada e Monforte.