06 octubre 2009

O tenente de alcalde anuncia que a Axencia da Enerxía de Vigo estuda crear dúas novas instalacións fotovoltaicas

Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- - O tenente de alcalde e presidente do Padroado da Axencia Municipal da Enerxía (Faemevi), Santi Domínguez, anunciou hoxe que a entidade está analizando a viabilidade técnica e económica para crear dúas instalacións fotovoltaicas, que estarían conectadas á rede e acollidas ao réxime especial de xeración de enerxía eléctrica. Este sería un segundo paso na aposta de Faemevi por proxectos de xeración de enerxías alternativas, tras a estación que xa está aprobada para instalar no futuro parque de Navia.

Santi Domínguez explicou que a idea sería que unha destas novas instalacións se emprazase no campus da Universidade de Vigo e tería un perfil de promoción da investigación tecnolóxica. En canto á segunda estaría emprazada nun espazo público municipal aínda por decidir. “Agora abrimos un prazo de estudo destas propostas e agardamos poder concretar en breve a súa execución. O noso obxectivo é seguir apostando polas enerxías renovables e imos seguir dando pasos na súa potenciación”, afirmou tras a reunión do Padroado.

Na xuntanza tamén se decidiu unha iniciativa para divulgar o traballo que está a desenvolver a Axencia Municipal da Enerxía. Recentemente se cumpriron cinco anos da súa posta en marcha e, segundo adiantou o tenente de alcalde, vaise elaborar unha publicación na que se recollan as actividades realizadas neste tempo, así como as liñas estratéxicas da Fundación e os resultados que está a dar o seu labor. Santi Domínguez sinalou que é “moi importante que a cidadanía coñeza o traballo que se está facendo desde Faemevi como elemento para que cada un de nós nos impliquemos nas nosas actividades diarias nas prácticas que conleven aforro de enerxía”.