06 octubre 2009

Galicia será a sede da primeira Xornada Europea de Rexións Marítimas, que abordará temas de economía marítima

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente do Comité das Rexións e representantes da rexión belga de Flandes, Luc Van den Brande, acordaron que Galicia será a sede da primeira Xornada Europea de Rexións Marítimas, que abordará temas de economía marítima e o futuro da Política Común de Pesca. Segundo manifestaron ambos mandatarios no encontro que mantiveron esta mañá en Bruxelas, a iniciativa pretende servir de foro para que todas as rexións europeas afectadas por problemas relacionados co sector marítimo e pesqueiro e pola reforma da Política Común de Pesca debatan sobre o futuro do sector.

Segundo lle trasladou o mandatario autonómico ao presidente do Comité das Rexións, a posición de Galicia pasa por facer extensiva esta participación ao sector conserveiro e da acuicultura, dada a importancia que estes teñen na economía da comunidade.

O encontro, que previsiblemente se celebrará nos primeiros meses do vindeiro ano, estaría organizado polo Comité das Rexións e apoiado pola propia Comisión Europea. Durante a súa celebración, as rexións europeas con intereses pesqueiros debaterían co fin de tentar achegar posturas e establecer puntos de acordo para a reforma da Política Común de Pesca. Estes acordos de cara á nova lexislación pesqueira que está en marcha, serían trasladados polo Comité das Rexións á Comisión Europea, ao Parlamento e ao Consello de Europa.

Oportunidade para Galicia
O presidente da Xunta considerou a celebración desta xornada unha grande oportunidade para Galicia, posto que poderá facer escoitar a súa voz en asuntos prioritarios e que nos preocupan, como a baixada de aranceis de Papúa-Guinea ou as axudas do Fondo europeo da pesca.

Núñez Feijóo salientou que a presenza dos diferentes clústers e dos conserveiros na xornada permitiría que estes puidesen expoñer a súa posición de cara a situacións de dumping ou á baixada de aranceis de Papúa-Guinea co fin de evitar que outros países como China e Tailandia o poidan aproveitar para acceder á UE.

O mandatario autonómico lembrou que onte, o presidente da Comisión Europea asumiu o compromiso de que a UE estará atenta para que non se produzan este tipo de distorsións e comprometeuse a estudar a posibilidade de que Papúa-Nueva Guinea poña a disposición dos barcos españois e galegos novos caladoiros.

Feijóo apostou, ademais, por que a Xornada Europea de Rexións Marítimas poida acoller aos representantes do sector da acuicultura co fin de debater o acceso destas empresas ao Fondo Europeo da Pesca. O mandatario galego lembrou que este fondo non permite que accedan ás axudas as empresas que facturen máis de 250.000 euros ao ano ou que teñan máis de 750 traballadores. Por iso avogou por reformar este regulamento porque, dixo, “en Galicia as empresas teñen unha certa dimensión e tiran do sector, polo tanto, poden xerar moitos postos de traballo con empresas menores”.