13 octubre 2009

Pepiño Blanco en el punto de mira del cabreo del PP de Redondela

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O Partido Popular de Redondela considera inaudita as explicacións dadas polo ministro de Fomento, José Blanco, acerca do suposto descoñecemento sobre o malestar existente na comarca de Redondela respecto á conexión da A-57 co aeroporto de Peinador. “Dirixímonos en innumerables ocasións ao goberno municipal solicitándolle a mediación entre afectados e Fomento, presentáronse máis de 4.000 alegacións ao proxecto, convocáronse manifestacións... e o ministro di non coñecer o malestar existente. Soa a burla aos veciños”, explican dende o PP local.
Pouco antes do verán, o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Manuel Vázquez, presentouse en Redondela anunciando que se ían a acelerar os trámites para adiantar a execución da alternativa 5. “Fíxose a foto de rigor co alcalde e o seguinte que sabemos, por boca do número dous do PSOE, é que en Madrid descoñecen a realidade da situación en Redondela. Ou ben Pachi Vázquez e Xaime Rei menten a José Blanco ou ben é o ministro quen engana aos afectados. Neste senso, pediremos as oportunas explicacións no vindeiro pleno”, asegura o grupo popular redondelán.
É intolerable que despois de dous anos de manifestacións o Ministerio de Fomento non coñeza minimamente os argumentos veciñais contra esta infraestrutura. Dende o PP de Redondela responsabilízase de esta situación ao bigoberno local; “o alcalde non pode permanecer nin un minuto máis en silencio e debe aclarar cales foron as xestións levadas a cabo para informar ao vicesecretario xeral do seu partido. É unha esixencia da oposición e dos veciños de Redondela; acabouse o tempo de enganar aos redondeláns e ás institucións”, conclúen os populares.