13 octubre 2009

Becarios de las tres universidades gallegas pasan por Sogama

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A Sociedade Galega do Medio Ambiente, Sogama, en estreita coordinación coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, estableceu distintas vías de colaboración coas tres universidades galegas a fin de complementar a formación académica dos estudantes, dándolles a oportunidade de realizar prácticas pre-profesionais nos distintos departamentos da Sociedade.

Tendo en conta o seu ámbito de actuación, esta empresa pública primou o seu apoio a masters e cursos de postgrao relacionados co medio ambiente, un sector en auxe, con proxección de futuro e con grandes posibilidades de erixirse nun importante xacemento de emprego. A formación, a xeración de coñecemento e a transferencia de tecnoloxía convértese así nunha prioridade para a comunidade galega, ingredientes estes cos que se contribuirá a incrementar a competitividade do tecido empresarial ambiental, tanto a nivel nacional como internacional.

Acordos
Entre os distintos acordos formalizados entre a Sociedade Galega do Medio Ambiente e as institucións educativas de carácter universitario, cabería destacar o Máster en “Química Ambiental e Fundamental”, promovido pola Universidade de A Coruña, así como o Máster en “Enerxías Renovables e Sostibilidade Enerxética” da Universidade de Santiago de Compostela, destinado a titulados superiores e alumnado dos últimos cursos de carreiras universitarias relacionadas coas ciencias e o dereito.

Neste caso preténdese cualificar a novas xeracións de expertos e especialistas capaces de cubrir as necesidades requiridas pola sociedade tecnolóxica actual, participando no desenvolvemento de alternativas innovadoras que permitan asegurar a subministración enerxética co menor impacto ambiental e económico posible.

A preparación multidisciplinar que reciben os estudantes deste curso céntrase na enerxía solar, eólica, biomasa e agroenerxía, así como na eficiencia e o aforro enerxético, elementos básicos de todo plan de acción que se propoña reducir os niveis de emisións e frear o quentamento global.

Respecto á Universidade de Vigo, dous son os másters que contan co respaldo de Sogama. Por un lado, o de “Xestión do Desenvolvemento Sostible” e, por outro, o de “Contaminación Industrial: Avaliación, Prevención e Control”, posto en marcha este ano por primeira vez.

Ambas as dúas iniciativas pretenden dar resposta á crecente demanda de profesionais nun momento en que a lexislación e as presións sociais obrigan ás empresas a que os seus sistemas de produción sexan coherentes co concepto de sostibilidade, tendo en conta non só as implicacións económicas e os seus beneficios, senón tamén a adopción de tecnoloxías de última xeración que permitan minimizar o impacto ambiental dos seus procesos industriais.

Aínda que con distintas orientacións, todos estes cursos teñen un denominador común: a internalización das consideracións ambientais e sociais na xestión empresarial, toda vez que o futuro das compañías virá condicionado en gran parte pola integración, equilibrada e harmoniosa, dos tres piares do desenvolvemento sostible, isto é, o crecemento económico, a protección ambiental e a cohesión social.

A pretensión da Sociedade, como ente autonómico adscrito á Consellería de Medio Ambiente e que presta un servizo público á cidadanía de Galicia, é o de servir de soporte e complemento na formación académica de profesionais no ámbito da xestión ambiental, dotándoos da experiencia previa necesaria para exercer as súas funcións con absolutas garantías, tendo en conta, ademais, que moitos deles liderarán nun futuro próximo o sector produtivo de Galicia, facendo desta unha comunidade próspera, xeradora de riqueza e emprego, e competitiva nos mercados máis esixentes.