15 noviembre 2008

GARDACOSTAS DE PESCA COMISAN 1.500 QUILOS DE CENTOLA NO LITORAL GALEGO EN MENOS DUN MES


VIGO / BUEU (MORRAZO-tribuna).- Axentes do Servizo de Gardacostas, da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, incautaron dende o pasado 20 de outubro un total de 1.510 quilogramos de centola en diversas actuacións levadas a cabo ao longo do litoral galego. Dende a Administración pesqueira galega quérese lembrar que este recurso atópase en veda, polo que a súa extracción está prohibida.
Entre as operacións levadas a cabo polos axentes de Gardacostas cabe destacar a incautación, o pasado 28 de outubro pola unidade de Ribeira, de tres gaiolas de grandes dimensións ao sur da ría de Arousa, que contiñan 331 quilos de centola. Unha cantidade similar (338 quilos) foi interceptada o día 6 de novembro polos axentes da unidade operativa de Muxía nas rías de Camariñas e de Corcubión.
Ademais, esta semana, concretamente na xornada do mércores, os axentes da unidade de Vigo, en colaboración coa Policía Autonómica, comisaron en Bouzas un total de 228 quilos do crustáceo, que estaba repartido en catro gaiolas, dous salabardos e varias nasas. Ese mesmo día, os Gardacostas de Muxía aprehenderon 212 quilos de centola na ría de Camariñas. Así mesmo, dende o pasado 20 de outubro, foron interceptadas outras cantidades menores en varias operacións levadas a cabo en todo o litoral galego.
Por outra banda, no mesmo período de tempo, os axentes de Gardacostas comisaron importantes cantidades doutros recursos, como por exemplo, 1.050 quilos de xurelo de talla antirregulamentaria no porto de Bueu, nunha actuación levada a cabo pola unidade operativa de Pontevedra; 750 quilogramos de ollomol, que foi interceptado por axentes dos Servizos Centrais en Ribeira; ou 200 quilos de zamburiña incautada por efectivos da unidade de Vilaxoán no porto de Cambados.
Deste xeito, do balance de comisos dende o pasado 20 de outubro despréndese que os axentes de Gardacostas se fixeron con preto de 2.550 quilos de peixe, 1.632,25 quilogramos de crustáceos, 778,16 quilogramos de bivalvos e 42 quilos de cefalópodos. Así mesmo, nas diferentes operacións incautouse un número significativo de bens e medios, entre os que destacan catro embarcacións, catro equipos de mergullo, oito gaiolas, oito planchas de poliespan, 81 artes de enmalle e 1.425 nasas.