19 noviembre 2008

Iván Pozo protagonizará o Campionato de Europa de Boxeo o 12 de decembro nas Travesas


VIGO (MORRAZO-tribuna) .- O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, presentou o Campionato de Europa de Boxeo, que se celebrará o vindeiro 12 de decembro, ás 22 horas, no pavillón das Travesas que enfrentará ao boxeador vigués Iván Pozo con Christopher Rodrigues. As entradas para presenciar o combate poranse á venda mañá no Centro Comercial Gran Vía e a organización porá a disposición do público autobuses dende diversos puntos de Galicia.
“Como concelleiro de Deportes supón unha gran satisfacción que Vigo fora elixida sede do Campionato de Europa de Boxeo”, salientou Xabier Alonso. Segundo o concelleiro nacionalista, esta elección é froito “do traballo continuado de Francisco Amoedo e a proxección deportiva de Iván Pozo”. Ademais, vaticinou que a competición “será un éxito e terá repercusión en toda Galicia de tal xeito que poderá abrir as portas a un futuro Campionato do Mundo”.
O edil do BNG asegurou que Vigo “ten demostrado sempre que responde aos retos” e felicitou á organización por escoller o lema “Iván somos todos”. “Non quero deixar de agradecer a outros clubes deportivos vigueses que facilitaron o cambio de datas para que ese venres esta competición sexa o centro do espectáculo deportivo”, subliñou Alonso, ao tempo que agradeceu á Xunta, representada na figura de José Luis Besteiro, o seu apoio. Besteiro, pola súa banda, amosou a súa alegría pola celebración do campionato en Vigo e sinalou que Iván Pozo “seguramente dará alegrías a toda a afección galega”.
Dende a organización, Mario di Giosia, agradeceu á Xunta e a súa Fundación Deporte Galego e ao Concello de Vigo a súa implicación na celebración da proba. Sinalou que para facilitar á asistencia do público poranse autobuses gratuítos dende distintos puntos de Galicia e que as entradas poderán adquirirse a partir de mañá no Centro Comercial Gran Vía dende 20 euros.
O adestrador do boxeador vigués, Francisco Amoedo, amosou o seu agradecemento polo feito de que o campionato se celebre en Vigo de xeito que se brinde a posibilidade “de celebrar o título na casa”.
Por parte dos patrocinadores, Salvatore Cherchi salientou que o combate será unha “pelexa moi importante e difícil para Iván”, así como “o inicio dunha nova vida no mundo do boxeo” para o boxeador vigués. “Trátase dun programa moi interesante para que a afección galega disfrute coa velada”, destacou.
Iván Pozo, finalmente, expresou os seus agradecementos á Xunta “polo apoio que me están brindando e a Xabier Alonso como concelleiro de Deportes polo cariño co que me están tratando para acadar que Vigo sexa grande a través deste combate”. O boxeador vigués explicou que loitará contra un boxeador francés “que virá a dar espectáculo”. Así mesmo, indicou que será unha pelexa “dura e intensa na que me terei que preparar a fondo”.