05 noviembre 2008

O PLAN ESTRATÉXICO DOS CONXELADOS É UN EXERCICIO DE ANTICIPACIÓN E DE DIÁLOGO SOCIAL DO GOBERNO GALEGO, SEGUN TOURIÑO

VIGO (MORRAZO-tribuna) .- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, destacou que o Plan Estratéxico dos Produtos do Mar Conxelados é un exercicio de diálogo social e de anticipación co que o Goberno galego suma esforzos en tempos difíciles ao lado das empresas e das familias da Comunidade. Así explicou o titular do Executivo galego este documento cuxa presentación presidiu en Vigo acompañado pola conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego, e que, segundo destacou, mobilizará 300 millóns de euros ata o ano 2013.
O titular do Goberno galego explicou que, só no primeiro ano de aplicación do plan, no 2008, o investimento acadará os 105 millóns de euros, a terceira parte da cifra global. “Queremos que as empresas segan sendo líderes nos mercados mundiais e queremos que se manteña cada un dos empregos, cada un dos centros de traballo, cada unha das plantas de procesado e cada unha das razóns sociais dentro do territorio galego”, afirmou o presidente da Xunta, quen asegurou que este documento é unha mostra máis do compromiso do seu Goberno cos empresarios e co tecido produtivo de Galicia.
No transcurso da súa intervención, Pérez Touriño asegurou que este plan estratéxico inclúe actuacións en seis eixes: o reforzamento das estruturas empresarias, o incremento do valor engadido da produción, a consolidación da posición do sector tanto nos mercados locais e nacionais como nos internacionais, para potenciar a competitividade a través da I+D+i, reducir o impacto ambiental desta actividade industrial e garantir o mantemento do emprego.