06 noviembre 2008

O PP de Mos denuncia que non se iniciasen as obras da ludoteca e da galescola

MOS (MORRAZO-tribuna).- A concelleira popular, Ana Rodríguez Cabaleiro, acusa ós responsables municipais de vender fume e non cumplir as súas promesas
A edil do grupo municipal do Partido Popular, Ana Rodríguez Cabaleiro denunciou hoxe mediante un comunicado que “tras a campaña mediática na que os responsables locais de Servizos Sociais lle venderon ós veciños de Mos que a nova ludoteca comezaría a funcionar o pasado mes de Outubro e a galescola en Xaneiro de 2009, a realidade é que aínda non se iniciou ningunha das dúas obras”.
Rodríguez Cabaleiro informou no seu comunicado de que a concelleira de Servizos Sociais, Isabel Lago, confesou no pleno do mes de Outubro que a galescola non empezaría a funcionar ata o vindeiro curso escolar, isto é, Setembro de 2009; e que da ludoteca non se sabe nada porque as obras desta están vinculadas ó convenio asinado co Consorcio de Galescolas, do que depende a primeira.
O lamentable é, segundo a concelleira do PP, “que dende o mes de Xuño deste ano deixaran sen servizo e pechada a antiga ludoteca que ata esa data funcionaba en Coto Torrón, cando ademais en 2007 gastáranse 5.000 euros en material para dito centro que agora non se está a utilizar e permanece, supostamente, gardado”. Ademais, o local onde se vai ubicar a nova ludoteca, na parroquia de Pereiras, fóralle cedido á Asociación de Veciños de San Rafael, á que dende ó Concello se lle apremiou a abandoar o local, co que agora os veciños quedaron sen centro social e as obras da ludoteca aínda non escomezaron. Ante isto a edil popular declara que “se están a desaproveitar as as infraestructuras da ludoteca existente, xa que esta podería continuar funcionando ata que se iniciasen as obras da nova e, dese xeito, en San Rafael seguirían a desfrutar, polo momento, do local social que tiñan cedido polo Concello”.
Respecto da galescola, Ana Rodríguez recriminoulles ós responsables municipais que “levan vendendo durante todo un ano que a data de apertura do centro era inminente, pero nada, aínda non escomezou a funcionar”. “É máis”, continuou Rodríguez, “houbo pais que ó inicio do presente curso escolar non conseguiron praza para os seus fillos na gardería municipal e dende o Concello se lles dixo que a galescola empezaría a funcionar en Xaneiro de 2009”. Segundo a edil do Grupo Popular “os dirixentes municipais venden fume e non están a ofrecer os servizos que prometen”.